----

140 inscritos nos XIV Encontros para a Normalización Lingüística organizados polo Centro de Documentación Sociolingüstica do Consello da Cultura

Son 140 as persoas pre-inscritas para participar nos XIV Encontros para a Normalización Lingüística organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega. Coordinados por Henrique Monteagudo e Susana Mayo, os Encontros desenvolveranse os días 8 e 9 de marzo no auditorio da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura en Santiago de Compostela e centraranse fundamentalmente na relación entre a lingua galega e a mocidade. O programa e os trámites para a matriculación poden consultarse en www.consellodacultura.org

Os Encontros para a Normalización Lingüística veñen sendo anualmente, desde 1998, un foro aberto e participativo de información, reflexión e debate sobre a situación do idioma galego e constitúen o ámbito de referencia para esta cuestión. Os programas que propoñen veñen reflectindo de xeito fiel as cambiantes inquedanzas que suscita a evolución sociolingüística do país e os problemas de atención prioritaria. Nos últimos anos gañaron relevancia unha serie de cuestións mutuamente interrelacionadas, como o ensino, as novas tecnoloxías e mais as actividades e produtos de lecer. Todas estas cuestións apuntan a un sector que cada vez se percibe como o máís difícil e ao mesmo tempo como a chave do futuro do galego: a xente nova. Por esa razón, os XIV Encontros para a Normalización Lingüística van centrar fundamentalmente o seu foco na problemática relación entre a lingua galega e a mocidade.

8 E 9 DE MARZO

Os Encontros abriranse o xoves 8 de marzo ás 10 horas co relatorio de Henrique Monteagudo (Os cambios de lingua: contextos e motivacións) e unha mesa de traballo sobre “Experiencias educativas de intervención nos usos lingüísticos da mocidade”. Os debates sobre as claves de conexión, as propostas de interacción e os espazos para comunicar coa mocidade centrarán a sesión da tarde.

O venres 9 de marzo comezará co relatorio de Manuel Barreiro (Movementos sociais emerxentes: a mobilización xuvenil), ao que seguirán a presentación de novos medios de comunicación (Praza pública, Sermos Galiza e Dioivo) e o relatorio de Fernando Ramallo (Mocidade, linguas e redes sociais).

Na sesión da tarde as dúas últimas mesas redondas analizarán o traballo normalizador. A primeira baixo o epígrafe “O traballo xusto e ilusionante dos Servicios de Normalización Lingüística” e a segunda co enunciado “Como mellorar o labor normalizador dos Equipos de Normalización Lingüística”.

Outras noticias que che poden interesar