----

Bartolomé Clavero reflexionou sobre a importancia da consideración do dereito á cultura propia como esencial e de alcance xeral

Se o dereito, esencial, á cultura propia non se ten cualificado ata hoxe como dereito humano de alcance xeral é porque a orde internacional segue tendo o seu último fundamento nos Estados e non nos Dereitos. Así argumentou o profesor Bartolomé Clavero, catedrático de Historia do Dereito e das institucións, da Universidade de Sevilla e membro do Foro Permanente das Nacións Unidas para as cuestións indíxenas, no seminario interdisciplinar “Os sentidos das culturas”, do Consello da Cultura Galega. A conferencia co título "¿Cómo é que non hai un dereito humano á túa cultura propia?” iniciou o sexto ano dun ciclo de reflexións e debates coordinado polo profesor Ramón Maiz.
Bartolomé Clavero reflexionou sobre a importancia da consideración do dereito á cultura propia como esencial e de alcance xeral

Bartolomé Clavero defendeu que no dereito a unha vida digna entra o dereito á cultura propia “na que nos individuamos e socializamos ou á que optemos libremente e por eso o dereito á cultura ten un alcance constituínte para a orde social”. O problema, sostivo, é que non é esa a visión da orde internacional dos Dereitos Humanos e sucede que “se o Estado sintoniza ou se identifica con cultura distinta á nativa do individuo, o seu entendemento e as políticas que satisfagan dereitos culturais resultan lesivos para o dereito á cultura propia”. Unha situación particularmente perversa para as comunidades indíxenas anteriores á existencia do propio Estado no mesmo territorio.

O relator recordou a importancia que para a consideración da cultura propia supuxeron os Pactos Internacionais dos Dereitos Civís e Políticos e dos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, acordados en 1966 e en vigor desde 1976. “Todos os pobos teñen o dereito á libre determinación e por elo determinan libremente a súa condición política e persiguen libremente o seu desenvolvemento económico, social e cultural”, afirmación que enlaza coa Declaración de Dereitos dos Pobos Indíxenas aprobada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 2007. Declaración que veu recoñecer para os pobos e os individuos indíxenas o que estaba xa dito para todos os pobos e todos os individuos nos Pactos Internacionais citados.

Os Estados ampararon e sostiveron as culturas coas que se identifican, ao tempo que puideron acometer polñìticas xenocidas co resto. Esa foi, para o profesor Clavero, a “razón esquizofrénica” pola que un dereito tan esencial como o dereito á cultura propia non foi considerado ata hoxe como un dereito humano de alcance xeral.

SEIS ANOS DE DEBATES CULTURAIS

O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s) é un seminario interdisciplinar sobre os significados da cultura no tempo presente que o Consello da Cultura Galega vén organizando dende febreiro de 2007. Coordinado polo profesor Ramón Máiz, membro do Plenario da institución, ten como obxectivo abordar os debates e investigacións mais recentes sobre as plurais nocións e prácticas da Cultura en ámbitos como a Filosofía, a Antropoloxía, a Arte, a xestión cultural, os estudos culturais, as políticas do multiculturalismo, etc. O ciclo contou xa con intervencións de pensadores como Slavoj Zizek, Félix Duque, Alberto Ruiz de Samaniego, Darío Villanueva, Héctor Díaz de Polanco, Josep Ramoneda, Ernesto Laclau, Fernando Castro Flórez, Anne-Marie Thiesse, José Luis Villacañas, Anne Phillips, José Manuel Sánchez Ron, Rafael Argullol, William Shea ou Donatella della Porta.

Nos próximos meses están previstas as intervencións de Sami Nair e José Álvarez Junco, entre outros.

Texto da intervención de Bartolomé Clavero en:
http://www.consellodacultura.org/mediateca/extras/sentidos_clavero.pdf