NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega recupera a figura de Lois Tobío no día do seu nacemento

Lois Tobío Fernández (1906-2003) pertence a unha xeración de galeguistas que deambulou pola diplomacia, pola investigación histórica, pola tradución poética ou ensaística e polo xornalismo e que, ao mesmo tempo, mantivo vencellos estables co nacemento e fortalecemento de numerosas institucións culturais. O Consello da Cultura Galega (CCG) recupera a figura deste intelectual no día do seu nacemento cunha publicación e coa incorporación da súa entrada no Álbum de Galicia.

O devalar vital de Lois Tobío é tan interesante como complexo. Non foi só un diplomático, senón tamén un creador, un tradutor, un xornalista que desenvolveu unha intensa actividade. O Consello da Cultura Galega contribúe á difusión e recoñecemento da súa figura coa edición dunha publicación, que se pode consultar de balde na rede, como a incorporación da súa biografía no Álbum de Galicia.

A publicación
Lois Tobío Fernández é unha figura fundamental no galeguismo do século XX. Especialmente preocupado polo noso rexurdir colectivo desde as súas propias preocupacións persoais. “Lois Tobío. Galeguista, tradutor e xornalista” é o resultado dun congreso homónimo desenvolvido en 2018 coordinado por Xulio Ríos, en que se que recollen diversos estudos que afondan na súa traxectoria en tres ámbitos esenciais para coñecer o seu armazón intelectual. Trátase da súa militancia no galeguismo, tanto na preguerra como na posguerra, e as súas vocacións de tradutor e xornalista que sempre o acompañaron. Montserrat Bascoy Lamelas, Xan Carballa, Emilio Xosé Insua López, Manuel Lombao, Carlos Méixome e Marga Romero son profundos coñecedores de Tobío e da súa obra, e nesta publicación achegan valiosas análises que representan unha contribución singular para trazar as características esenciais da súa biografía.

Entrada de Lois Tobío no Álbum de Galicia


Lois Tobío no Álbum de Galicia
O Álbum de Galicia incorpora hoxe a biografía de Lois Tobío (Viveiro, 1906-Madrid, 2003), un intelectual que desenvolveu ao longo da súa vida as facetas de diplomático, investigador, profesor, xornalista e tradutor.

Na entrada, que vai acompañada de dous documentos do Arquivo da Emigración Galega, destaca que foi un dos promotores do Seminario de Estudos Galegos cando era un estudante de Dereito en Santiago de Compostela. Estudou Ciencias Políticas no Berlín de entreguerras. Foi un dos redactores do anteproxecto do primeiro Estatuto de autonomía en 1931 e elaborou, con Castelao, a declaración programática do Partido Galeguista. Está considerado un piar fundamental na construción política e xurídica do nacionalismo galego.

A Guerra Civil sorprendeuno en Bulgaria, como secretario de embaixada. Volveu a España, onde foi secretario xeral do Ministerio de Estado, e en 1939 comezou en Nova York un desterro que continuaría en México, Cuba, Uruguai e Arxentina. Foi un dos promotores e asesores do Consello de Galiza (1945), goberno autonómico no exilio, do que Castelao foi o seu primeiro presidente. A Tobío debémoslle igualmente un esforzo inxente na elaboración da primeira “Historia de Galicia”, dirixida por Otero Pedrayo, quen nunca ocultou a excelencia do traballo de Tobío para facela posible; ou a súa enorme implicación no Primeiro Congreso da Emigración Galega (1956), desempeñando un papel determinante. Regresou a España en 1963, pero non puido reincorporarse á carreira diplomática ata 1974, dous anos antes de xubilarse.

Durante o seu exilio, escribiu sobre política internacional e sobre cultura galega. Desde a súa volta, centrouse, entre outras investigacións, no estudo da figura do conde de Gondomar, embaixador de Felipe II na corte de Inglaterra, sobre o que publicou varios ensaios. Tamén traduciu ao galego numerosas obras de románticos franceses e alemáns, entre elas Fausto, de Goethe, e os Sonetos a Orfeo, de Rilke.