NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega presentou na Coruña as Actas do Congreso Internacional “Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía”

A Fundación Luís Seoane acolleu hoxe o acto de presentación das Actas do Congreso Internacional "Luís Seoane. Galicia-Arxentina: unha dobre cidadanía", celebrado en abril de 2010 e coorganizado co Consello da Cultura Galega. O libro agrupa en 500 páxinas as 16 contribucións dos relatores galegos e arxentinos. Na presentaciòn interviron o Alcalde da Coruña, Carlos Negreira, e o Presidente do Consello da Cultura Galega e editor da obra, Ramón Villares.
O Consello da Cultura Galega presentou na Coruña as Actas do Congreso Internacional “Luís Seoane

O libro, publicado co título "Emigrante dun país soñado. Luís Seoane entre Galicia e Arxentina" subliña a "dobre cidadanía" que marcou a biografía de Luís Seoane, "combinando unha idea concibida desde Galicia coa achega necesaria dunha perspectiva propiamente arxentina", en palabras de Ramón Villares.

As intervencións dos relatores, agora impresas, poden seguirse tamén a través dos servizos da Mediateca do Consello da Cultura Galega, na web da institución:www.consellodacultura.org/mediateca
Máis adiante poderanse consultar tamén nesta web a publicación agora presentada e anacos do extenso epistolario de Luís Seoane.

Ao acto de presentación acudiron Ana Fernández, Concelleira de Cultura de A Coruña, e Silvia Longueira, Directora da Fundación Luís Seoane. Estiveron tamén presentes Xosé Luís Axeitos, secretario da Real Academia Galega e activo participante no congreso, e Marcelino Fernández Santiago, xerente do Consello da Cultura Galega.

O congreso, celebrado en Santiago de Compostela e A Coruña, reflexionou amplamente sobre a figura sobranceira e a acción creativa de Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979) nunha dobre dirección territorial e cultural, entre a emigración e o exilio, e as súas dimensións como axente creativo e construtor dun proxecto cultural de intensa repercusión e influencia.