NOTICIA

----

O alumnado de secundaria experimenta coa ciencia nunha xornada do Consello da Cultura Galega

Son novos, gustan da ciencia e dos experimentos e cursan secundaria nun dos máis de douscentos centros que existen en Galicia. Este é o perfil do centenar de estudantes que durante a xornada de hoxe se converteron en improvisados relatores na cita do Consello da Cultura Galega chamada “Dos gabinetes de ciencias dos institutos históricos aos clubs de ciencia e o STEMBach”. O salón de actos do Consello da Cultura Galega (CCG) e a praza do Obradoiro foron improvisados laboratorios nos que se visibilizaron algunhas actividades que se fan no marco dos programas de STEMBach e dos Clubes de Ciencia.

“A ciencia estivo na preocupación da institución desde o principio” explicaba a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, no inicio da xornada que puña os ollos nos máis novos e no ensino. “O noso interese é esférico porque a cultura está en todos os lados” engadiu. Esta cita tiña un obxectivo dobre: homenaxear o pasado do ensino científico no noso país, pero tamén exhibir a realidade actual neste eido. Canda a Rosario Álvarez estaba o coordinador da xornada Javier Méndez Zunzunegui; o director do Xelmírez I, Manuel Portas; e a responsable da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade, Elena Vázquez Cendón, quen recoñeceu que “esta xornada que nos permitiu traer aos futuros científicos e científicas é un soño longamente acariñado”. Trala súa inauguración os escolares convertéronse nos auténticos protagonistas.

Da teoría á práctica
Todos os experimentos e investigacións que se exhibiron hoxe son o froito de dous programas desenvolvidos pola Xunta de Galicia. Julia Martínez, asesora STEM da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional debullou as características destas propostas, que son relativamente recentes: “O Club de ciencia comezou no curso 2016/2017 e é un programa de innovación educativa. Pretendía dar cabida ao que xa se facía nos centros e achegar recursos aos centros que permitía xuntar unha serie de variables: fuxir da presión do exame, espertar a creatividade... e fomentar as vocacións científicas”. O outro programa, o STEMBach, comezou a andar no curso 2018-2019 e conta con accións dirixidas a centros, alumnado, familias e profesorado. Nesta última iniciativa encadrouse unha das investigacións que se presentaron na xornada: a de Yago Barriuso, do IES Rosalía de Castro, que analizou o estudo da actividade bioquímica dos parques de Santiago con bolsas de té. E tamén a investigación “Condicións medioambientais nas zonas fluviais limítrofes coa mina de Touro”, de Uxía Romero, Tais Senín e Noa Mesejo, do IES Xelmírez I de Santiago. Este traballo, que analizou mostras nos laboratorios da Facultade de Química da USC, concluíu que as augas próximas á mina de Touro están contaminadas e impiden sobrevivir á maioría dos organismos. Esta experiencia, recoñecida co Premio Stephen Hawking, é unha das investigacións IES Arcebispo Xelmírez I.

Trala exposición teórica chegou o momento da experimentación. O alumnado do IES Sánchez Cantón, do Arcebispo Xelmírez I, do CPI dos Dices e do IES David Buján de Cambre converteron o salón de actos do CCG nun improvisado laboratorio no que fixeron slime caseiro, baños de moedas, estouparon globos con pel de laranxa.. entre moitas outras propostas. Os experimentos máis vistosos fixéronse na praza do Obradoiro, onde houbo espazo para as pompas de xabón xigantes, foguetes de auga e tambores de aire comprimido.

Os antecedentes
A xornada contaba tamén cunha parte de homenaxe aos gabinetes científicos, os antecesores de todos estes programas científicos. Esta homenaxe tivo dúas partes, o relatorio de Rafael Sixto, docente de Física e Química e doutorado en Ciencias da Educación pola USC que deu un salto no tempo para explicar os inicios do ensino secundario na segunda metade do século XIX, cando se crearon laboratorios de química e gabinetes de física e historia natural que permitían implementar un ensino máis experimental nas aulas. A segunda parte foi unha visita ao laboratorio e á biblioteca do IES Arcebispo Xelmírez, un dos seis centros históricos que existen en Galicia, e que este ano cumpre 175 anos. A visita permitiu trazar a frutífera relación entre aqueles espazos experimentais e as bibliotecas dos centros, que dan acubillo a tratados de física, compendios de matemáticas ou enciclopedias. Hoxe en día existen seis institutos históricos que contan cun importante patrimonio arquitectónico, bibliográfico e científico.