NOTICIA

----

O Encontro “Conexôes IV. Diálogos Galicia-Brasil” demanda novas liñas de acción e estratexias de cooperación mútua en materia cultural galaico-brasileira

O Encontro “Conexôes IV. A literatura brasileira hoxe. Diálogos Galiza-Brasil”, o primeiro deste teor desenvolvido en Europa, concluiu esta tarde subliñando a necesidade de liñas de acción e estratexias de cooperación mútua en materia cultural entre Galicia e Brasil. Así o expresaron o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e o representante da embaixada de Brasil en Madrid, Márcio Catunda. Organizado polo Consello da Cultura Galega e o Itaú Cultural brasileiro, o encontro reuniu en Santiago de Compostela durante tres días a escritores, críticos, editores, docentes e tradutores brasileiros e galegos para reflexionar sobre as literaturas brasileira e galega e profundizar no diálogo entre dous espazos con moitos puntos en común, empezando polas posibilidades idiomáticas.

Coordinaron o Encontro Carmen Villarino (Universidade de Santiago de Compostela), Claudiney Ferreira e Felipe Lindoso (Itaú Cultural) e na organización o Consello da Cultura Galega contou coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, a Cátedra Unesco de Cultura Luso-Brasileira, a Embaixada do Brasil en Madrid e a Fundación Cultural Hispano-Brasileira. Unha das mesas redondas contou coa participación de Joâo Almino, escritor e Cónsul Xeral do Brasil en Espara.

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, salientou no acto de clausura a "aposta fundamental” que para a institución e para a cultura galega supón o establecemento de conexións cos países de lingua portuguesa e nomeadamente co Brasil. Un aspecto ao que tamén aludiu a coordinadora Carmen Villarino ao falar de Galicia como ponte co gran país sudamericano.

No derradeiro día completouse o programa coas tres últimas mesas redondas das sete programadas. As de hoxe foron: "As vertentes do ensino de literatura brasileira" (Carlos Paulo Martínez Pereiro, Pedro Serra, Leonardo Tonus, Florencia Garramuño e Darlene Sadlier), "Espazos para a literatura brasileira actual" (Luiz Ruffato, Marçal Aquino, Cintia Moscovich, Anxo Quintela e Elías Torres) e o segundo "Diálogo de escritores brasileiros (Márcio Souza e Cintia Moscovich) e galegos (Xavier Queipo e Victor Fernández Freixanes)".

Ás 20 horas no Centro Galega de Arte Contemporánea (CGAC) Xavier Queipo presentou o seu libro "Extramunde", premio Xerais de novela 2011.

As sesións do Encontro puideron seguirse en directo, a través da canle de difusión de eventos do CCG, na súa web: www.consellodacultura.org