NOTICIA

----

Estudantes de secundaria mostran os seus experimentos nunha xornada do Consello da Cultura Galega

A praza do Obradoiro converterase mañá nun improvisado laboratorio científico no que estudantes de diferentes centros galegos de ensino medio nos mostrarán varios experimentos científicos. “Queremos que os profesionais do futuro fagan ciencia e o fagan nun dos puntos máis emblemáticos de Galicia como é a praza do Obradoiro” explica Elena Vázquez Cendón, coordinadora da Sección de Ciencia, Tecnoloxía, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG), que promove a xornada “Dos gabinetes de ciencias dos institutos históricos aos clubs de ciencia e o STEMBach”. A cita pretende visibilizar a ciencia que se fai no ensino secundario con experimentos en directo e, ao mesmo tempo, renderlles homenaxe aos gabinetes de ciencia, antecedentes do ensino científico experimental, que aínda existen nos institutos históricos. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, inaugurará esta xornada que poderá seguirse en directo a través da rede.

“Dos gabinetes de ciencias dos instituto históricos aos clubs de ciencia e o STEMBach” é o título dunha xornada, coordinada por Javier Méndez Zunzunegui, que pretende abordar o pasado e o presente de como se ensina ciencia no ensino secundario.

Os antecedentes
Os antecedentes dos gabinetes de ciencia parten do século XIX, cando se crearon os institutos de ensino secundario. Estes centros foron dotados de laboratorios de química e gabinetes de física e historia natural que permitían implementar un ensino máis experimental nas aulas. Foi así como se compraron planetarios, espectroscopios, modelos anatómicos ou cristalográficos para acompañar as clases teóricas. Ademais, estableceuse unha frutífera relación entre estes espazos experimentais e as bibliotecas dos centros, que daban acubillo a tratados de física, compendios de matemáticas ou enciclopedias. Hoxe en día existen seis institutos históricos que contan cun importante patrimonio arquitectónico, bibliográfico e científico. Sobre eles falará Rafael Sixto, docente de Física e Química e doutorado en Ciencias da Educación pola USC, na primeira das conferencias desta xornada.

Da teoría á práctica
Recentemente coñeciamos a investigación “Condicións medioambientais nas zonas fluviais limítrofes coa mina de Touro”, de Uxía Romero, Tais Senín e Noa Mesejo, do IES Xelmírez I de Santiago. Un traballo no que, tras analizar mostras nos laboratorios da Facultade de Química da USC, concluíron que as augas próximas á mina de Touro están contaminadas e impiden sobrevivir á maioría dos organismos. Esta experiencia, recoñecida co Premio Stephen Hawking, é unha das investigacións que alumnado e profesorado dos centros IES Arcebispo Xelmírez I e II e do IES Rosalía de Castro explicarán no marco da xornada.

Despois desa sesión teórica, haberá dous espazos reservados para a experimentación. O primeiro deles terá lugar ás 12:30, cando o alumnado do IES Sánchez Cantón, do Arcebispo Xelmírez I, do CPI dos Dices e do IES David Buján de Cambre converta o salón de actos do CCG nun improvisado laboratorio. Nel realizarán experimentos sinxelos que servirán de mostra do que xa fixeron no marco dos clubs de ciencia, como estoupar un globo cunha laranxa sen tocalo, baños de moedas..., entre outros experimentos. Un pouco máis tarde, entre as 14:00 e as 14:30 horas, haberá outra nova demostración práctica, desta volta na praza do Obradoiro, para experimentos que precisan de maior espazo (se as condicións meteorolóxicas non o permiten, as demostracións realizaranse nos soportais do pazo de Raxoi).

A xornada complétase pola tarde cunha visita guiada ao laboratorio e biblioteca dun dos seis centros históricos que existen en Galicia, que é o do IES Arcebispo Xelmírez I, que este ano cumpre 175 anos.

Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade
A organización desta xornada insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, coordinada por Elena Vázquez Cendón. Entre as súas áreas de actuación está elaborar materiais e recursos didácticos como é o proxecto “Álbum da ciencia”, unha completa base de datos con biografías de científicos e científicas galegas, ou a publicación de varias bandas deseñadas. Nas súas actividades destacan informes como “A divulgación da ciencia en Galicia”, que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico. Ángel Carracedo, Jorge Mira, Xurxo Mariño ou Marilar Aleixandre son algúns dos membros desta Sección.