NOTICIA

----

Aberta a inscrición dunha xornada que analiza o desenvolvemento turístico da costa do solpor

“A costa do solpor europea: unha irmandade atlántica” é o nome dunha xornada do Consello da Cultura Galega (CCG), coordinada por Jorge Mira, que pon os ollos nas posibilidades de desenvolvemento turístico duns espazos moi singulares. Son os que unen Cabo de São Vicente e Cabo da Roca (Portugal), Costa da Morte (Galicia) e Aglapsvik e Måsøy (Noruega). Estes lugares son o último punto no que atardece en Europa se temos que conta que a iluminación solar do planeta muda durante o ano. Profesionais de diferentes ámbitos analizarán as posibilidades turísticas conxuntas destes territorios nunha xornada que terá lugar o día 24 de marzo. A inscrición está aberta e pódese facer a través do sitio web da institución.

As condicións de iluminación solar do planeta mudan durante o ano. E este fenómeno fai que o punto do primeiro amencer ou do solpor tamén varíe. São Vicente e Cabo da Roca en Portugal, a Costa da Morte en Galicia e Aglapsvik e Måsøy en Noruega son os lugares nos que se produce este fenómeno. Esta especie de irmandade é o fío de unión dunha xornada que xunta especialistas de diferentes disciplinas para analizar as potencialidades turísticas destes espazos.

Profesionais do ámbito científico e turístico analizarán e debaterán durante un día asuntos como a creación de produtos turísticos, de marcas e de iniciativas do ámbito do turismo científico. Entre os participantes a esta cita destacan João Vasconcelos, da Escola Superior de Turismo e Tecnologia do Mar e do Instituto Politécnico de Leiria en Portugal; Maite Vence, directora de Observer Turismo Científico, ou o propio Jorge Mira Pérez, profesor da Facultade de Física da Universidade de Santiago de Compostela

Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade
A organización desta xornada insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza, Tecnoloxía e Sociedade, coordinada por Elena Vázquez Cendón. Entre as súas accións elaboran materiais e recursos didácticos como é o proxecto “Álbum da ciencia”, unha completa base de datos con biografías de científicos e científicas galegas, ou a publicación de varias bandas deseñadas. Nas súas actividades destacan informes como “A divulgación da ciencia en Galicia”, que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico. Ángel Carracedo, Jorge Mira, Xurxo Mariño ou Marilar Aleixandre son algúns dos membros desta sección.