NOTICIA

----

A identidade sonora de Compostela xa está no Mapa Sonoro de Galicia

A campá da Berenguela é un dos sons máis significativos de Santiago de Compostela. E por ese motivo é o elemento vertebrador da identidade sonora desta cidade e xa se pode consultar no Mapa Sonoro de Galicia. A experiencia gravouse como parte da xornada “Os arquivos sonoros: memoria e patrimonio”, que organizou o Consello da Cultura Galega a principios de febreiro. A iniciativa foi coordinada por Xosé Ramón Pousa e pretendía poñer o foco na relevancia do patrimonio sonoro.

O son da campá da Berenguela foi recollido desde unha trintena de espazos do casco histórico que van desde a praza de Mazarelos ata a alameda, pasando pola praza do Obradoiro. As distintas gravacións, realizadas simultaneamente entre as 16:55 e as 17:05 da tarde do mércores 5 de febreiro, conforman a identidade sonora de Compostela e xa se pode consultar no Mapa Sonoro de Galicia.

Xornadas
Esta “experiencia” situouse no marco dunhas xornadas que alertaron da necesidade de rexistrar, difundir e sensibilizar o patrimonio sonoro. “Nesta cita vimos moitos exemplos de como o son forma parte substancial da nosa vida e a necesidade do seu rexistro e arquivo” explicaba Xosé Ramón Pousa como unha das conclusións dunha cita que amosou a pertinencia deste tipo de foros. No marco desta cita falouse do son como elemento identitario necesario na preservación da memoria, pero tamén de aspectos cotiás como a Lei de contaminación acústica (máis coñecida como Lei do ruído). Neste eido, o investigador da Universidade de Oviedo Javier Suárez cuestionou na súa intervención os criterios que miden que ruídos son legalmente molestos. Aludiu a que a normativa se basea na intensidade, mentres que existen outros criterios como a frecuencia, o ton ou a amplitude que poden ser máis molestos que o ton e perfectamente legais. Na súa intervención defendeu a necesidade de distinguir entre “o son, que escoitas con gozo, e o ruído, que é molesto”.

A memoria e a conservación
No marco desta cita, Miquel Termens Graells, decano da Facultade de Información e Medios Audiovisuais da Universitat de Barcelona, deu as claves de como almacenar un documento sonoro para o futuro; e unha persoa relevante para falar de arquivos sonoros como é Ángeles Afuera, que foi directora dos arquivos da Cadena Ser, apuntou a pertinencia da radio como fonte documental sonora.

A xornada completouse cunha mesa redonda na que se viu a disparidade e falta de homoxeneidade de tres proxectos: os mapas sonoros de Euskadi, de Galicia e do proxecto portugués “Natural soundscapes in a changing world”.

O Arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) é un dos arquivos do Consello da Cultura Galega e a súa liña de acción xira arredor da recuperación do patrimonio oral (tanto culto como tradicional) e musical galegos. A recompilación, a preservación e a difusión son os tres eixes centrais da súa actividade. En canto á compilación, o ASG está permanentemente buscando gravacións sonoras (arquivo da palabra, gravacións etnográficas, rexistros etnomusicolóxicos, material radiofónico, músicas galegas -culta, tradicional, pop, rock...-) entre arquivos particulares, institucións, colectivos e compañías discográficas. O seu traballo de preservación implica accións a varios niveis: dunha banda, a conservación do seu fondo sonoro en condicións óptimas de humidade e temperatura, e da outra, a súa catalogación e dixitalización.

Hoxe en día o ASG conta con máis de 20 000 rexistros sonoros, procedentes de adquisicións e doazóns, entre os que se atopan 7000 rexistros das emisións de RNE en Galicia ao longo da segunda metade do século XX. Unha das xoias do ASG é a colección de máis de setecentos discos de pedra producidos en Galicia ou con contidos galegos, moitos dos cales xa se poden oír na web do Arquivo. As “lousas” son pezas únicas, cunha tiraxe de 200 exemplares que non son exactamente iguais entre si. Na maior parte son gravacións impulsadas dende a emigración para levar a América os sons de Galicia.