O ciclo Pensarmos cumpre un ano de reflexións mensuais cunha sesión na que se analizará a sociedade como un espazo de posicións (económicas e culturais) que da pé a falar da dimensión espacial do poder pero tamén das dificultades da configuración da sociedade actual, que está chea de barreiras que nos levan aos individuos á soidade, ao desarraigo ou á violencia. Sobre estes asuntos falará o filósofo Fernando Broncano cun relatorio titulado “Espazos intermedios e vínculos sociais. Para pensar o cotiá como político”. Ao seu carón estará Ángel Pérez, profesor xubilado de Filosofía de Bacharelato e membro do grupo de didáctica da Filosofía Enxergo. Como é habitual neste formato, entre os dous establecerán unha conversa que lle permitirá a Broncano ir tecendo un discurso no que abordará aspectos como a representación espacial do poder, ou como se vai configurando o individuo nunha sociedade que o leva inexorablemente ao desarraigo e desvinculación.
O ciclo
Pensarmos é un ciclo coordinado por Carme Adán que convoca cada cuarto xoves de mes (coa excepción desta ocasión por cuestións de axenda) a pensadores recoñecidos para falar de asuntos de actualidade. A proposta comezou hai un ano con Javier Echeverría para falar do concepto de tecnopersoas e do tecnofeudalismo, A conferencia de Bassets afondou no aspecto de como iso leva consigo unha especie de fascismo dixital, onde a mentira é a marca máis distintiva. Remedios Zafra perfilou o contexto actual co voluntarismo. A reflexión sobre a relación da sociedade actual co mundo tecnolóxico rematou con António Cunha (Braga, 1961), que ofreceu un relatorio titulado "Tecnoloxías: perspectivas, inquietudes e alternativas". Despois, o ciclo comezou a abordar aspectos máis sociais ao falar de temas como a eutanasia con Margarita Boladeras,; o cambio climático con Carmen Velayos e agora a trata de seres humanos.
Sección de Pensamento
O ciclo Pensarmos está organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Ramón Máiz, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto. Outras actividades desta Sección revisaron personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou, máis recentemente, Karl Marx.