NOTICIA

----

A trata de seres humanos centra a última sesión do ano do ciclo Pensarmos

Teresa García Montañés é especialista en violencia de xénero pero tamén en delitos de perigo, delincuencia económica, criminalidade empresarial, terrorismo, tortura, aborto, liberdade de expresión e tráfico de seres humanos desde un punto de vista teórico e práctico. E mañá abordará no Consello da Cultura Galega estes asuntos baixo o título "A trata de seres humanos e escravitudes do século XXI". Será a última sesión do ciclo Pensarmos que coordina Carme Adán. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, será a encargada de inaugurar esta cita que se poderá seguir en directo a través do web do CCG.

Despois de falar do cambio climático, o ciclo Pensarmos aborda agora outro tema de máxima actualidade como é o caso da trata de seres humanos e as escravitudes contemporáneas. Faino da man da especialista Teresa García Montañés que durante anos loitou activamente contra o tráfico de seres humanos colaborando activamente con policía, fiscalía e organizacións non gobernamentais a nivel nacional e internacional. Actualmente é catedrática de Dereito Penal da Universidad de Alcalá (UAH). No outro lado do sillón de pensar estará Inmaculada Valeije Álvarez, profesora titular de Dereito Penal e profesora do programa «Jean Monnet» do Centro Europeo de Excelencia da Universidade de Vigo na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.

O ciclo
Pensarmos é un ciclo coordinado por Carme Adán que convoca cada cuarto xoves de mes a pensadores recoñecidos para falar de asuntos de actualidade. A proposta comezou en xaneiro con Javier Echeverría para falar do concepto de tecnopersoas e do tecnofeudalismo, A conferencia de Bassets afondou no aspecto de como iso leva consigo unha especie de fascismo dixital, onde a mentira é a marca máis distintiva. Remedios Zafra perfilou o contexto actual co voluntarismo. A reflexión sobre a relación da sociedade actual co mundo tecnolóxico rematou con António Cunha (Braga, 1961), que ofreceu un relatorio titulado "Tecnoloxías: perspectivas, inquietudes e alternativas". Despois, o ciclo comezou a abordar aspectos máis sociais ao falar de temas como a eutanasia con Margarita Boladeras; o cambio climático con Carmen Velayos e agora a trata de seres humanos.