NOTICIA

----

Galicia é a quinta comunidade en emprego cultural segundo o Observatorio da Cultura

Galicia conta con 35 000 persoas empregadas no ámbito da cultura, cifra que nos sitúa en quinto lugar por detrás de Madrid (161 900), Cataluña (147 500), Andalucía (94 400) e Valencia (68 100). Con todo, son 1500 menos que en 2017, e amosa unha tendencia contraria ao que acontece no resto de España, onde medrou o emprego en 3100 persoas. Son cifras do último Documento de traballo do Observatorio da Cultura Galega (DT-OCG) que analiza fontes da EPA, de afiliacións da Seguridade Social, de contratación e de paro rexistrado.

Escritoras e escritores, artistas, arquivistas, bibliotecarias e bibliotecarios, pero tamén profesionais da informática, do dereito, administrativos ou contables que traballan en empregos culturais. Considérase emprego cultural o conxunto de persoas de máis de 16 anos que traballan nunha ocupación cultural con independencia do ámbito que ocupe a empresa para a que traballa e tamén calquera emprego en actividades culturais. E nestas ocupacións hai en Galicia 35 000 persoas. Suman un 5,4% máis que en 2014, inicio da serie temporal analizada, un crecemento moito máis contido que no conxunto de España.
As cifras do DT permítenos coñecer que o emprego no sector cultural conta cunha gran temporalidade, que afecta en maior medida á cultura que ao conxunto do emprego. No cómputo total da economía, o emprego cultural comportouse mellor que a educación, a construción, o sector agrario ou de pesca, e peor que a hostalería, o comercio ou o transporte.


Tipo de persoas empregadas
No 2018 a Seguridade Social rexistrou 12 268 afiliacións en ocupacións de ámbito cultural. Son 217 máis que en 2017, o que supón un 1,2% do total en todos os sectores, que suman 997 776. Unha porcentaxe que, segundo este documento, se mantén estable nos últimos catro anos. A maior parte destas afiliacións correspóndense coa epígrafe de artes gráficas e reprodución de soportes gravados (3284) e coa de edición (2267). Séguenlles as actividades de creación, artísticas e de espectáculos (2632), que continúan medrando desde 2015.

Se no conxunto total do emprego descende o número de autónomos, no caso do emprego cultural a tendencia é inversa. En 2018 hai 3422 autónomos no conxunto de actividades culturais, fronte aos 2870 de 2014. Por provincias, A Coruña continúa a ser a que concentra un maior número de afiliacións con 7191 (o 58,6% das e dos empregados culturais), seguida de Pontevedra, Lugo e Ourense.

O paro
Nos últimos cinco anos o paro rexistrado en Galicia nas actividades culturais descendeu nun 26,5%, que contabiliza 2014 parados menos. En 2018 a baixada foi de 430 persoas, co que o número de persoas desempregadas se sitúa en 5596, o máis baixo da serie.

No desemprego tamén se aprecian tendencias por sectores, xénero e idade. Por sectores, o descenso foi máis acusado nos traballos relacionados co ámbito da información e as comunicacións. Por xénero, o paro é maior nos homes (51,6%) que nas mulleres (48,4%), e, por idade, a franxa comprendida entre 40 e 44 rexistra as maiores cotas de paro.

Contratacións e demanda
Profesorado de idiomas, axudantes de bibliotecas, animadoras e animadores socioculturais, monitoras e monitores socioculturais, profesionais da tradución... son os traballos máis solicitados por parte dos que se inscriben no paro. A demanda varía en función do xénero, xa que os homes buscan empregos máis de carácter técnico (fotógrafos, técnicos en audiovisuais ou operadores de cámara) fronte ás mulleres que piden traballos relacionados coa docencia de idiomas ou a tradución.
Como contraste ás demandas están os indicadores de contratacións. Encabezan as contratacións: monitoras/es de actividades recreativas e de entretemento; compositoras/es, músicos/as e cantantes; actrices e actores. E, se miramos por xénero, as contratacións de homes son superiores en 15 das 27 ocupacións con maior número de contrato.

A realidade empresarial
O DT tamén analiza a estrutura do emprego nas empresas. Das 795 empresas culturais contabilizadas no informe, 696, é dicir, o 87,5% do total, teñen menos de 10 traballadores. As estruturas máis grandes (só hai 2 por riba dos 250 empregados) son xornais e produtoras de cine e de televisión. A media de persoas empregadas das empresas culturais é de 8.
O informe tamén mide tres indicadores de produtividade do emprego. O primeiro deles é o custo medio por persoa empregada, que se sitúa en 23 000 euros, 2000 euros por debaixo do total das empresas xerais e en valores semellantes desde o ano 2013. O segundo indicador é o ingreso de explotación por empregado, que aumentan no conxunto do tecido empresarial, concretamente 22 000 euros. Un incremento que non se produce no caso das empresas culturais. Algo semellante acontece no terceiro dos indicadores, o de beneficio por persoa empregada. O DT fixa que o beneficio para as empresas culturais é de 2000 euros por traballador, fronte aos 16 000 euros de media da empresa galega.