NOTICIA

----

Unha xornada aborda mañá as formas da “cultura da violación”

“Nin unha menos”, “Non é non“, “Non é abuso, é violación“ ou “Esta é a miña manda“ son algunhas das campañas que se rebelaron contra sentenzas xudiciais e decisións administrativas en casos moi marcados socialmente. A isto engádeselle que as estatísticas constatan un incremento da violencia sexual contra as mulleres máis novas, mesmo menores de idade. Sobre as moitas e variadas manifestacións ou accións que inciden no aumento da chamada “cultura da violación” falarán mañá martes no Consello da Cultura Galega (CCG) especialistas como Miguel Lorente, Ana de Miguel Álvarez ou Rosa Cobo, entre outros. É a Terceira Xornada Formas de Violencia de Xénero, que este ano se centra na violencia sexual. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a directora do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF), María Xosé Porteiro, serán as encargadas de abrir esta cita, que ten todas as prazas cubertas. As intervencións poderán seguirse en directo a través da rede.

Carmen Cajide Hervés e Paz Filgueira, integrantes do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do CCG, son as coordinadoras desta cita que pretende poñer enriba da mesa as diferentes formas da cultura da violación: a trata e o tráfico sexual; a tipificación legal dos delitos de violación, abuso ou acoso; a pornografía como acceso á información sexual das e dos menores; as resolucións xudiciais; o labor administrativo gobernativo; e o papel, influencia e responsabilidade dos medios de comunicación de masas e as redes sociais, que inciden na percepción social deste fenómeno.

A xornada arrinca co experto en violencia de xénero Miguel Lorente Acosta, que falará da perspectiva técnico forense da violencia sexual. Despois, a profesora de Filosofía da Moral e Política da Universidade Rey Juan Carlos Ana de Miguel Álvarez tratará estes aspectos centrándose nas sociedades formalmente igualitarias. “A cultura da violación: do simbólico ao real” é o título do relatorio de Chis Oliveira, catedrática de Filosofía e coordinadora do Comando Igualdade, e de Amada Traba, profesora de Socioloxía da Educación na Universidade de Vigo. Ambas son autoras de “Ám@me. Pensar o amor no século XXI”.

Pola tarde, Daisy Alcalde Monteagudo, educadora, presidenta da asociación feminista O Soño de Lilith, e Ana Sanmartín López, representante da Asociación de Xornalistas Galegas, analizarán patróns de conduta da violencia sexual no ámbito cultural e dos medios de comunicación.
A profesora de Socioloxía de Xénero na Universidade da Coruña e directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas desa universidade, Rosa Cobo, ofrecerá un relatorio sobre a prostitución e a violencia. Ao rematar haberá un coloquio moderado por Carmen Cajide Hervés. O peche chega da man das dúas coordinadoras, que elaborarán as conclusións finais desta cita.

O Cento de Documentación en Igualdade e Feminismos
O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) recolle o traballo feito pola Comisión de Igualdade desde o ano 2006. Entre os seus obxectivos está incrementar a visibilización e contribuír a fortalecer a presenza e achegas das mulleres á cultura galega; ser un lugar de consulta do material relativo ás mulleres na sociedade. O CDIF estará operativo en 2020, aínda que xa asume a organización de xornadas como a de mañá. Este centro, que é o cuarto arquivo do CCG, fortalece a acción en materia de igualdade e permitirá o estudo, documentación e recuperación da memoria das mulleres e as súas produción e aplicar un enfoque feminista en todo o relativo á cultura e á realidade social vivida en Galicia. Está dirixido por María Xosé Porteiro e conta na súa comisión con figuras relevantes dos estudos de xénero no noso país.