Hai dúas imaxes que serven de inspiración para o documental “As mulleres co mundo na cabeza”. Unha delas é a mítica fotografía que Ruth Matilda Anderson tomou no Pindo, onde se ve unha muller cunha cesta na cabeza transportando produtos, e outra é unha cerámica de Sargadelos deseñada por Isaac Díaz Pardo. A historia técena os testemuños de Olimpia Oreiro Formoso, Marisa Vázquez Oreiro e Marisa Beiro Rodríguez, tres veciñas da zona, que reconstrúen a súa vida e serven de fío condutor para evocar a todas esas mulleres que durante anos levaron o seu mundo na cabeza, tanto física como metaforicamente. Con eses cestos dirixíanse a Muros ou ao Ézaro con repolos, queixo e outros produtos para logo vendelos como sustento das súas familias. “As mulleres co mundo na cabeza” é o material editado dun traballo de arquivo moito máis amplo que naceu para rexistrar as vidas de mulleres que non deixan ningunha pegada nos rexistros oficiais e son moi importantes para entender o relato da Galicia actual. Ese proxecto chamábase “Memorias de vida en vivo” e, para facelo, a Comisión de Igualdade constituíu o grupo de traballo Imaxes e Voces, integrado por Encarna Otero, Beatriz Pérez, Teresa Navarro e Gema Zunzunegui. O documental que mañá se presenta é a segunda achega que se suma á iniciativa promovida en 2014, cando se recolleu o testemuño das mulleres que vivían arredor da mina de volframio de Fontao en Vila de Cruces.
A luz do negro, as mulleres e o volframio
A Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega comezou en 2014 a traballar nunha liña de exploración das mulleres e o traballo. O grupo Imaxes e Voces, encabezado por Encarna Otero, trasladouse a Vila de Cruces para rastrexar a vida das mulleres que traballaran na mina ou en tarefas “paralelas” vinculadas á minaría fóra do complexo industrial. Atopáronse cun relato do mundo dos anos 40 nun espazo e nunhas condicións moi especiais. Un territorio no que non se pasaba a fame doutras áreas de Galicia, pero sobre o que existía un forte control e represión, con frecuentes incursións da guerrilla que procuraba contactar cos presos republicanos destinados á mina. Aínda que o material non fora concibido orixinalmente coma un documental, senón máis ben como material de arquivo, déronlle a volta e converteuse en “A luz do negro”, un relato audiovisual que trouxese a memoria destas mulleres afoutas.