NOTICIA

----

Carmen Velayos falará sobre os retos morais ante o cambio climático no ciclo “Pensarmos”

Estamos nunha semana relevante para o futuro do clima por mor do cumio sobre Acción Climática auspiciado pola ONU que pretende acelerar o cumprimento do Acordo de París nos prazos para eliminar as emisións. Unha temática sobre a que xira a conferencia que a profesora de filosofía moral e política da Universidade de Salamanca Carmen Velayos no Consello da Cultura Galega (CCG). Baixo o título “Retos e compromisos morais ante o cambio climático” insírese no ciclo “Pensarmos”, que nesta ocasión contará coa presenza do especialista en dereito ambiental J. José Pernas García. A conversa poderá seguirse en directo a través do web da institución.

O ciclo retoma a súa actividade trala parada estival para abrirse a temas de actualidade cunha perspectiva moi social e unha dimensión ética moi destacada. Despois que Margarita Boladeras (Antequera, 1945), catedrática de Filosofía Moral e Política da Universitat de Barcelona, nos falase da eutanasia chega agora o momento de falar de cambio climático. E facémolo nunha semana destacada, en medio dun cumio internacional e con folgas a favor do clima. No sillón de pensar sentaranse Carmen Velayos (Ávila, 1967), profesora de filosofía na Universidade de Salamanca e autora de publicacións como “O cambio climático e os límites do individualismo”; e J. José Pernas García, profesor de Dereito Administrativo da Universidade da Coruña, e especialista en dereito ambiental e dereito da contratación pública. No marco da súa conversa proporán temas relacionados cos compromisos morais e legais ante o cambio climático ou os límites individuais ante o medio.

O ciclo
Pensarmos é un ciclo coordinado por Carme Adán que convoca cada cuarto xoves de mes a pensadores recoñecidos para falar de asuntos de actualidade. A proposta comezou en xaneiro con Javier Echeverría, que ten escrito e debatido moito respecto do concepto de tecnopersoas e do tecnofeudalismo, “de como en mans moi pouco democráticas están todos os nosos datos e a nosa vida”, indica Adán. A conferencia de Bassets afondou no aspecto de como iso leva consigo unha especie de fascismo dixital, onde a mentira é a marca máis distintiva. Remedios Zafra perfilou o contexto actual co voluntarismo. A reflexión sobre a relación da sociedade actual co mundo tecnolóxico rematou con António Cunha (Braga, 1961), que ofreceu un relatorio titulado "Tecnoloxías: perspectivas, inquietudes e alternativas".

A Sección de Pensamento
O ciclo Pensarmos está organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Ramón Máiz, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto. Outras actividades desta Sección revisaron personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou, máis recentemente, Karl Marx.