NOTICIA

----

As posibilidades da literatura galega no mercado británico –irlandés centran unha xornada do CCG

O mercado editorial británico está en proceso de apertura á tradución, sobre todo, de linguas europeas. Unha situación que a cultura galega non quere deixar pasar e sobre a que se falará na xornada “A internacionalización da literatura galga en tradución ao inglés: novas oportunidades perante un mercado editorial británico-irlandés en apertura”. O programa artéllase nunha sesión onde expertos en ambas literaturas falarán do sistema de axudas, das traducións e da situación actual destes sistemas literarios, para dar paso a dous días de obradoiros formativos sectoriais. A cita está organizada por Dolores Vilavedra, Olga Castro, Laura Linares que, xunto coa vogal da comisión executiva, María Xosé Porteiro serán as encargadas da inauguración. Poderase seguir en directo desde o web da institución.

Hai varias razóns que motivan a realización desta xornada. A primeira delas é unha situación de apertura do mercado editorial británico, especialmente receptivo á tradución de linguas europeas. A segunda razón pretende promover que as editoriais británicas interesadas traduzan literatura galega e que a sitúen nos circuítos de distribución para que chegue ao público británico a través dos mecanismos de promoción de literatura habituais. As xornadas contan cun punto de vista innovador, con nomes non tan frecuentes neste tipo de citas e procuran axudar ás editoriais. O programa conta con dúas partes ben diferenciadas: unha xornada teórica (concentrada no luns 17) e dous obradoiros formativos (nos días martes e mércores).Esta cita está organizada polo Consello da Cultura Galega coa colaboración do Centre for Language Researchat Aston da Aston University; o Irish Centre for Galician Studies da University College Cork; a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Asociación Galega de Editoras.

Unha xornada teórica
O programa do primeiro xira arredor de tres mesas de debate. A primeira fala do crecente espazo da tradución no mercado editorial en inglés. A panorámica xeral vaina ofrecer Ana Luna, do grupo Bitraga da Universidade de Vigo. Despois, Manuela Palacios da Universidade de Santiago de Compostela; Richard Mansell e Helen Vassallo da University of Exeter, e Olga Castro da Aston University, falarán da tradución de poesía, de narrativa e das narradoras.

A segunda das mesas xira arredor das axudas á tradución e políticas de apoio á literatura galega en inglés. O contexto xeral das subvencións das obras galegas traducidas ao inglés chegará da man de Laura Linares, da University College Cork. Ondrej Vimr, da University of Bristol; martín Veigada University College Cork completarán esa visión ofrecida por Linares. Será Cristina Rubal, da Xunta de Galicia, a que completa esta mesa.

A sesión da tarde comeza coa terceira mesa que fala da tradución (do galego) e o mercado editorial británico. Olga Castro ofrecerá unha panorámica das diferentes tendencias editoriais á hora de publicar literatura galega en inglés. Despois Stefan Tobler (por videoconferencia), Clive Boutle, da Editorial Francis Boutle Publishing, xunto con Susie Wild da Parthian Books Swansea/Abertawe. Vaino retrucar Henrique Alvarellos, vicepresidente da Asociación Galega de Editoras.

Esta sesión teórica remata coas conclusións ás que lle segue unha serie de reunións previamente concertadas entre editoriais galegas e británicas.

Dúas sesións prácticas
O martes, en colaboración coa Asociación de Editoras Galegas (AGE), terá lugar o obradoiro “Introdución á negociación e contratación”. Mentres que o mércores, en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) co patrocinio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO), terá lugar o obradoiro “Creación e sector editorial: Estratexias, contratos e traducións”. Ambos espazos formativos estarán impartidos por Carlota Torrents, da axencia literaria Asterisc.