NOTICIA

----

António Cunha fala mañá sobre tecnoloxía e sociedade no ciclo Pensarmos

O ciclo Pensarmos, que organiza a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG), propón mañá (18:00 horas) unha nova cita coa reflexión. Desta volta estará centrado na tecnoloxía, na investigación e como orientar a mocidade cara a ese ámbito. Será da man do enxeñeiro António Cunha, que dialogará con Juan Casares Long tras a presentación da presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e a coordinadora do ciclo, Carme Adán. A conversa poderase seguir en directo desde o web da institución.

O ciclo Pensarmos pecha a reflexión sobre a relación da sociedade actual co mundo tecnolóxico con António Cunha (Braga, 1961), que ofrecerá un relatorio titulado "Tecnoloxías: perspectivas, inquietudes e alternativas". A coordinadora do ciclo, Carme Adán, explica que esta nova cita se “insire dentro das reflexións sobre a relación da tecnoloxía co mundo e permitirá a Cunha poñer o foco na importancia da investigación e orientar sobre como deseñar os novos plans de estudo”. António Cunha, que foi reitor da Universidade do Minho entre 2009 e 2017, terá na outra silla de pensar a outro ex-reitor, Juan Casares Long, que estivo á fronte da USC entre 2010 e 2014.

Eutanasia, próxima parada
“A cita de mañá sérvenos para pechar a reflexión sobre o mundo tecnolóxico e a relación do pensamento co momento no que estamos a vivir, para abrir temas que, aínda que son de actualidade, teñen unha perspectiva moi social e unha dimensión ética moi destacada” explica Carme Adán. Por iso, a vindeira cita de Pensarmos abandona a tecnoloxía e falará da eutanasia. Para iso estará en Santiago Margarita Boladeras (Antequera, 1945), catedrática de Filosofía Moral e Política da Universitat de Barcelona e unha das voces máis coñecidas na defensa da legalización da eutanasia.

O ciclo
Pensarmos é un ciclo da Sección de Pensamento que convoca cada cuarto xoves de mes a pensadores recoñecidos para falar de asuntos de actualidade. A proposta comezou en xaneiro con Javier Echeverría, que ten escrito e debatido moito respecto do concepto de tecnopersoas e do tecnofeudalismo, “de como en mans moi pouco democráticas están todos os nosos datos e a nosa vida”, indica Adán. A conferencia de Bassets afondou no aspecto de como iso leva consigo unha especie de fascismo dixital, onde a mentira é a marca máis distintiva. Remedios Zafra perfilou o contexto actual co voluntarismo O ciclo pechará o 27 xuño con Margarita Boladeras, que falará de eutanasia e morte digna.

Sección de Pensamento
O ciclo Pensarmos está organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Ramón Máiz, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto. Outras actividades desta Sección revisaron personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou, máis recentemente, Karl Marx.