Subliñan a necesidade da presenza viva do idioma galego no mundo da ciencia e da técnica

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2011.- A necesidade inexcusable da presenza do idioma galego no mundo da ciencia e da técnica foi o fío conductor da xornada “Escribir de ciencia en galego”, celebrada hoxe no Consello da Cultura Galega. Non se trata de competir coa lingua franca actual, o inglés, no campo das revistas especializadas, pero si de aproveitar as posibilidades das publicacións divulgativas e pedagóxicas. Organizado pola Secciòn de “Ciencia, natureza e sociedade”, que coordina Francisco Díaz-Fierros, o encontro serviu tamén para anunciar a próxima publicación do documento “”Pasado, presente e futuro da publicación científica en galego”.

Nas sesións interviron profesores das universidades de Valencia (Carolina Moreno e Martí Domínguez) e La Laguna (Juan Vicente Sánchez Andrés, que aludiron á necesidade de contemplar a ciencia como parte integrante da cultura. Falaron tamén da defensa da práctica lingüística na liña da defensa da biodiversidade cultural.

Pola tarde, Francisco Díaz-Fierros (Universidade de Santiago), Xurxo Mariño (Universidade da Coruña) e a docuemntalista Ana Seijas presentaron as liñas mestras do documento “Pasado, presente e futuro da publicación científica en galego”. Xurxo Mariño chamou a atención sobre a necesidade de libros de texto universitarios de ciencia en galego.

A xornada finalizou cunha mesa redonda na que participaron: Juan Luís Blanco Valdés, director do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Sanmtiago, Pablo Ramil, director da revista “Recursos rurais”, Xusto Rodríguez, do Proxecto LEXITERM (Universidade de Santiago), Paulino Estévez, presidente de ENCIGA (Asociación de Ensinantes de Ciencias de Galicia) e Francisco Díaz-Fierros como presidente do Seminario de Estudos Galegos.

As sesións, ás que asistiron trinta expertos e estudosos, foron inauguradas por Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega.