20-Maio: Xornada de debate sobre as posibilidades do galego como lingua de expresión científica

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2011.- O presente e o futuro do galego  como lingua de expresión científica e os seus diferentes formatos de comunicación serán analizados na xornada  "Escribir de ciencia en galego" o venres día 20 de maio no Consello da Cultura Galega. Organizada pola Sección de Ciencia, natureza e sociedade, que  coordina Francisco Díaz-Fierros, a xornada contará pola mañá con relatorios de expertos en comunicación científica para debatir pola tarde o futuro da publicación científica en galego. O programa pode verse en: http://consellodacultura.org/files/2011/05/escribir_de_ciencia.pdf

Trátase de reflexionar dun xeito realista e intelixente  para conseguir que no día de mañá o galego non deixe de estar presente nun eido tan fundamental para a cultura como é o da ciencia nun momento en que o inglés se está a promover como lingua hexemónica da comunicación científica experimental, e outros idiomas, mesmo o castelán e o catalán, están a ter serios problemas nestas funcións.  

Os formatos da comunicación científica son diversos, comezando polo traballo de investigación básica en revistas de difusión internacional e rematando polas publicacións divulgativas ou pedagóxicas. E, certamente, as capacidades e o futuro do galego como lingua de comunicación científica non son as mesmas segundo sexa o formato considerado.

Os primeiros traballos científicos escritos en galego foron realizados no Seminario de Estudos Galegos, antes da Guerra Civil , pero non tiveron continuidade ata a década dos anos setenta do pasado século a través dalgúns esforzos illados. A maioría foron realizados ao abeiro de institucións ou grupos que primeiro permitiron e despois promoveron o seu uso. Neste período de máis de corenta anos a experiencia da escrita científica experimental en galego foi moi variada e abarcou practicamente todos os formatos. A súa sorte foi tamén diversa, aínda que en xeral houbo poucos proxectos de longo percorrido no tempo, pois o contexto intelectual e político no que se desenvolvían non era o máis axeitado.