NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega reflexiona sobre o coleccionismo e a educación no sector artístico

Arte+coleccionismo e Arte+educación son dúas publicacións que achegan novas lecturas sobre o sector da arte e en relación con outras disciplinas. Son dous textos que recollen as intervencións de dous congresos realizados en 2015 e 2016, respectivamente, pero que teñen total vixencia. “Primeiro porque hai temas como o coleccionismo sobre o que non hai case nada publicado, e segundo porque a situación a día de hoxe aínda está bastante peor que daquela” apuntou Marisa Sobrino, editora dun dos textos e responsable da Sección do Consello da Cultura Galega (CCG) que programou aquelas citas. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, apuntou a pertinencia de abordar este tipo de reflexións que contribúen a coñecer a situación actual, ao tempo que anunciou que “este ano prestaremos atención ao mecenado artístico, aínda que explorando outro tipo de formatos”. Ambos os dous volumes xa se poden descargar desde o sitio web corporativo.

Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega, xunto co actual coordinador da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, Manuel Quintana Martelo, foron os encargados de presentar dúas publicacións que contribúen ao coñecemento da realidade artística do noso país. Estaban tamén presentes as persoas responsables da edición dos textos: Natalia Poncela, editora de Arte+educación, e Rosario Sarmiento mais Marisa Sobrino, que se ocuparon de Arte+coleccionismo.

Estas dúas publicacións poñen o ramo a unha liña de traballo establecida por Marisa Sobrino como coordinadora da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, na que, segundo apuntou na presentación, “procuramos analizar e reflexionar sobre aspectos que afectaban á arte contemporánea e que presentamos xenericamente coa denominación ARTE+…, e que deron pé a uns vinte encontros que rematan nestes dous libros.”

Arte+coleccionismo
“O coleccionismo é un dos eixes sobre os que pivota o sector da arte, por iso é tan importante coñecelo en detalle” apuntou Rosario Sarmiento. En Arte+coleccionismo perfílase a importancia do coleccionista como o gran motor que sustenta economicamente a galeristas e a artistas, ademais de que permite preservar un patrimonio de futuro. “En 2015 pensabamos que era unha mala situación, que había que coñecer o estado do coleccionismo nun momento de complexidade socioeconómica por unha fiscalidade adversa, a crise, a ausencia dunha lexislación reguladora do mecenado e polo clima de desilusión no proceso de institucionalización da arte contemporánea; e, desde entón, o tempo está a darnos a razón porque, sen dúbida, o retroceso é cada vez maior e o panorama é aínda máis decepcionante” engadiu Marisa Sobrino.

Aquela xornada permitiu coñecer en primeira persoa exemplos destacados de coleccionismo estatal e galego tanto de ámbitos públicos como privados. Rosario Sarmiento incidiu tamén “na necesidade de non deixar no esquecemento esta liña de traballo”

Arte+educación
Pola súa banda, Natalia Poncela presentou a publicación Arte+educación, que recolle os relatorios da xornada realizada en 2016, e na que se deron a coñecer experiencias e iniciativas reais que puxeron en evidencia diferentes formas de relacionar arte e educación tanto desde un punto de vista profesional como académico. Nela tamén se reflexionou como a formación artística permite a creación de novos públicos. Natalia Poncela foi a coordinadora daquela xornada e explica que, aínda que o volume chega un tempo despois, a presenza da arte no ensino regrado, tanto en etapas temperás como no ámbito universitario, segue exactamente igual, cunha presenza minoritaria. Na súa opinión é un tema do que hai que seguir a falar.

Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e integrada por artistas, críticos e xornalistas como Rosario Sarmiento, Ramón Rozas, Manuel Vilariño, Jesús Pastor ou Sofía Santos. O coordinador explicou que a Sección continuará a ocuparse da relación da arte con outras disciplinas e que se concretou no ciclo “Entre... e a arte”, que xa afondou na relación entre o pensamento e a comunicación.