NOTICIA

----

O ciclo CREADORAS GALEGAS DE IMAXE leva a Lugo a máis recente produción audiovisual feita por mulleres en Galicia

A sede da Deputación de Lugo -rúa San Marcos, número 8- acolleu do 25 ao 27 de abril o ciclo “Creadoras Galegas de Imaxe”, organizado polo Consello da Cultura Galega en colaboración coa Vicepresidencia terceira, área de Benestar Social e Igualdade, da Deputación.

Autoras como Margarita Ledo, Peque Varela, María Reimóndez, Susana Rey, Sonia Méndez ou Olaia Sendón foron as protagonistas dun ciclo no que se exhibiron pezas audiovisuais de recente creación e contouse coas directoras para un coloquio posterior no que se debatiron cuestións relacionadas co seu traballo. A asistencia aos pases foi libre e gratuíta.

Na inauguración do ciclo Margarita Ledo chamou a atención sobre a diversidade de temas e enfoques do programa proposto e falou dunha mostra “ricaz, diversa e plural, que representa un chanzo dunha primeira xeración de mulleres que decidiron meterse de cheo no mundo da imaxe”.

Logo da presentación do ciclo visionáronse as producións: Cienfuegos, 1913 (Margarita Ledo Andión), Gato encerrado (Peque Varela), Mulleres da Raia (Diana Gonçalves) e Illa Pedra (Adriana Páramo).

O martes 6 proxectáronse: "As damas negras", de Sonia Méndez, "Os fabulosos irmáns da luz",  Olaia Sendón, e "A semente" , de María Reimóndez.

A produción audiovisual en Galicia experimentou nos últimos anos un importante incremento cualitativo e cuantitativo. Non son poucas as mulleres que están a intervir traballando nos diferentes eidos deste ámbito creativo. Porén, nas mostras de documental e cinema galegos, séguese a observar un cando menos curioso silenciamento das propostas das novas directoras. Son estas cuestións as que configuran o obxectivo fundamental do ciclo Creadoras Galegas de Imaxe, coordinado por Margarita Ledo Andión e Encarna Otero, da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. Trátase de dar a coñecer e difundir propostas e obras de mulleres e contribuír, así, a paliar a desinformación e invisibilidade existentes.

PROGRAMA

Mércores, 27 de abril (19 horas)
Linguas cruzadas: María Yáñez e Mónica Ares
Cousas do Kulechov: Susana Rey
O mito de Venus: Cristina Castro, Carmen Costa, Nuria López, Jacobo Rey e Silvia Roca
Ao finalizar a exhibición das pezas audiovisuais haberá unha mesa de debate que contará coa participación das creadoras.