NOTICIA

----

Expertos analizan a rehabilitación dos cascos históricos de Ribadavia e Ourense no marco do programa IN SITU

O centro José Ángel Valente (rúa do Paseo, 20. Ourense) acolle mañá a terceira das citas do programa IN SITU, que analiza a situación dos cascos históricos. Nesta ocasión búscase coñecer a evolución dos núcleos de Ourense e Ribadavia que contan con dúas décadas de experiencia na xestión patrimonial. A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) Rosario Álvarez, será a encargada de inaugurar esta xornada coordinada por Rebeca Blanco e Teresa Nieto.

Ourense e Ribadavia levan vinte anos de xestión patrimonial dos seus conxuntos históricos cunha estrutura operativa na que se engaden ao Plan Especial de protección, a declaración 1998-1999 das áreas de Rehabilitación integrada no ámbito dos conxuntos históricos e as oficinas de rehabilitación creadas para a súa xestión. Aínda que parten de características e problemáticas dispares, sobre esta realidade procurarase reflexionar nesta cita. Para iso, desde a Sección de Patrimonio preténdese xuntar profesionais implicados no proxecto de rehabilitación xunto cos habitantes que viven nestes espazos nun contexto de diálogo.

O programa
O arquitecto Adolfo Rodríguez de la Rúa será o encargado de abrir os relatorios cunha conferencia titulada “O Plan Especial como instrumento de recuperación do patrimonio edificado e do espazo urbano dos conxuntos históricos”. A continuación, a arquitecta Mónica López ofrecerá a súa visión técnica sobre o conxunto histórico de Ribadavia e falará sobre a eficacia do Plan Especial. Pechan dous profesionais da Oficina de Rehabilitación de Ourense, Ana Fernández e José Antonio Padrón, que farán un balance do que foi a execución do Plan Especial do Conxunto Histórico de Ourense e a iniciativa para a súa revisión.

IN SITU. Cambio de formato
Os Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural que organiza o Consello da Cultura Galega estrearon en setembro unha nova variante do formato que leva a etiqueta IN SITU. A coordinadora da sección, Rebeca Blanco Rotea, explicou que esta variante dos Encontros xorde por dúas necesidades: “por unha banda, porque os conxuntos históricos son un tema recorrente e, pola outra, porque facilitará que a comunidade local, á que lle afecta e lle interesa este tema, poida participar”. A coordinadora da Sección insiste no feito de que este tipo de formato pretende analizar certos aspectos desde o punto de vista do patrimonio pero tamén desde a habitabilidade, dos espazos nos que vive a cidadanía.

Con IN SITU preténdese abordar diferentes tipos de modelos. O primeiro caso analizou exclusivamente a rehabilitación no casco histórico de Vigo. Despois da revisión ao caso de Ferrol, a cita trasládase a estudar dous cascos históricos: Ourense e Ribadavia, vistos a través de vinte anos de experiencia na xestión patrimonial. Seguirá a análise dos modelos de xestión patrimonial das cidades históricas de Guimarães e de Braga. Este formato pecha en Compostela, xa en 2019, cunha reflexión xeral da experiencia da xestión dos conxuntos históricos e con varias propostas de futuro.

A Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Esta xornada insírese nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución, que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. A Sección está coordinada por Rebeca Blanco Rotea e está composta por profesionais como Iago Seara, Carlos Nárdiz, Pegerto Saavedra ou Isidro García Tato.