NOTICIA

----

Unha unidade didáctica do Consello da Cultura Galega achega a Domingo Fontán aos escolares

O matemático e humanista Domingo Fontán (Portas, 1788- Cuntis, 1866) foi o autor do primeiro mapa topográfico de Galicia. A súa biografía, así como a repercusión do seu legado fai parte da unidade didáctica que hoxe presentaron a presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García xunto con Miguen Ángel Ríos, presidente da Real Academia Galega de Ciencias e Elena Vázquez Cendón, coordinadora da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade. Este documento recolle de xeito didáctico o legado desta figura relevante da ciencia do noso país á que se lle dedica este ano o Día da Ciencia en Galicia. O material xa se pode descargar desde o web do CCG.

“Foi un home do seu tempo que non escatimou poñer o seu coñecemento ao servizo do país e que permitiu enlazar a cultura humanista coa cultura científica” destacou Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega no acto de presentación desta unidade didáctica. Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Miguel Ángel Ríos, contribuíron a perfilar a grandeza desta figura que sendo catedrático de Universidade percorreu a cabalo todo o territorio galego no século XIX para facer unha medición precisa do país. “”Foi quen de colocar a Galicia na primeira descrición do estado e nos sitúa, en segundo lugar, nun lugar de vangarda dentro da ciencia” destacou Valentín.

A unidade didáctica conta cunha tiraxe de mil exemplares que se van distribuír entre os centros educativos de todo país. A publicación xa se pode descargar no sitio web do Consello da Cultura Galega. A súa elaboración iniciouse en 2017 no momento en que se cumprían douscentos anos de que Fontán empezara o proceso de elaboración da Xeométrica de Galicia. Ademais, o vindeiro luns 8, a coincidir co 230 aniversario do seu nacemento, a Unidade Didáctica que hoxe se presentou terá a súa aplicación práctica no CEIP Domingo Fontán de Portas onde se poderá xogar e redescubrir Galicia da man do seu legado.

Domingo Fontán
Foi o autor do primeiro mapa de Galicia, pero tamén da primeira representación xeográfica que houbo en España. Entre 1820, que mediu unha base de 2.291 metros na estrada de Santiago á Coruña, entre Formarís e A Sionlla, co que iniciou a súa triangulación, ata 1845 que tivo lugar a impresión da carta, pasaron moitos anos de traballo que derivaron no primeiro mapa preciso de Galicia. A proposta foi apoiada polo seu mestre, Xosé Rodríguez, quen o mantivo informado de todos os avances que se producían en Europa e o fornecía de instrumental que ía mercando nas súas viaxes.

A Torre do Reloxo da Catedral de Santiago foi o punto cero de referencia das medicións coas que Domingo Fontán foi construíndo unha malla triangular con vértices nos cumios dos montes e promontorios. Seguíu a escala 1:100000 o que a converteu no primeiro mapa construído en España utilizando medidas xeodésicas rigorosas con base científica. Alén do valor xeográfico desa carta, foi fundamental para a articulación do territorio que permitiu ter una base científica para trazar vías de comunicación, para situar poboacións e outros recursos de interese.

O CCG e a divulgación da ciencia
Non é a primeira vez que o Consello da Cultura Galega elabora unidades didácticas. En 2014, no marco dun convenio de colaboración coa Fundación Barrié editáronse catro unidades que pretendían achegar biografías de científicos destacados á comunidade escolar. O navegante Pedro Sarmiento de Gamboa, o veterinario Juan Rof Codina, o médico Roberto Nóvoa Santos e o naturalista Ramón de la Sagra son os catro científicos que conformaron aquel proxecto e que se poden descargar tanto desde o web corporativo do Consello da Cultura, como desde o da Fundación Barrié.

Ademais, dentro do interese do conseguir unha maior divulgación científica, desde a Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade traballouse na preparación de materiais amenos para divulgar coñecementos científicos e en lingua galega. Isto traduciuse na edición dunha serie de varias bandas deseñadas como “¿De quen é a auga?” (2000), “O sabor das mazás” (2010), “Parando a marea negra” (2003) ou “Vivir no solo” (con edición en galego, castelán, inglés e francés). Máis recentemente, a sección vén de publicar a primeira tradución da teoría da relatividade de Albert Einstein en lingua galega.

Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade
A organización desta xornada insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade, coordinada por Elena Vázquez Cendón. Entre as súas áreas de actuación está elaborar materiais e recursos didácticos como é o proxecto “Álbum da Ciencia”, unha completa base de datos con biografías de científicos e científicas galegos, ou a publicación de varias bandas deseñadas. Nas súas actividades destacan informes como “A divulgación da ciencia en Galicia”, que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico. Ángel Carracedo, Jorge Mira, Xurxo Mariño ou Marilar Aleixandre son algúns dos membros desta sección.