A Feira do Libro de Frankfurt e Líber son, ademais de dúas citas imprescindibles do sector editorial, dous espazos aos que acoden as empresas galegas. Unha presenza que resulta clave para dialogar con outras culturas, pero tamén para afondar na comercialización exterior da nosa literatura. Por iso, a cita que mañá organiza a Comisión de Acción Exterior do Consello da Cultura Galega xunto coa Asociación de Editores goza de gran relevancia.
O programa
A xornada pretende, por un lado, adquirir información sobre as oportunidade de negocio no exterior a través da principais feiras internacionais e da experiencias de éxito dos gremios e editoras; e, polo outro, establecer contactos con representantes desas feiras para iniciar o proceso de internacionalización. A cita non está pensada para o público xeral, aínda que as sesións son abertas e conta coa participación de Antonio María Ávila, da Federación de Gremios de Editoras, e Marifé Boix García, representante da Frankfurt Book Fair. A sesión da mañá compleméntase coa presenza de responsables de empresas como Kalandraka, Nova Galicia e Hércules Ediciones, que exporán o seu modelo de internacionalización. Pola tarde poderemos coñecer modelos da presenza dos gremios e institucións nas feiras internacionais, como o catalán, da man de Ilya Pérdigo, e o caso da literatura de Flandres, con Koen Van Bockstal. Canda eles, Dolores Tobío explicará o que se está a facer desde a administración galega.
Primeiro Encontro da Edición Galega e Portuguesa
Nesta mesma liña de traballo, o Consello da Cultura Galega acolleu hoxe o Primeiro Encontro da Edición Galega e Portuguesa, organizado pola Asociación Galega de Editores. Un encontro artellado en tres mesas redondas (unha dedicada á escrita, outra á promoción da lingua e, unha terceira á edición e distribución) que xuntou a desatacados profesionais como José Viale Moutinho, Teresa Moure ou Suso de Toro, ao redor da pregunta de se hai diálogo ou ignorancia entre os mercados literarios de ambas as dúas beiras do Miño. A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, destacou na inauguración a pertinencia da celebración deste encontro como antesala ou preparación da xornada de internacionalización que terá lugar mañá, ao tempo que destacou o necesario diálogo entre o mercado galego e o portugués. Na inauguración, Xosé Ballesteros incidiu na necesidade de afondar na conexión entre ambos os sectores editoriais e en que xornadas coma esta sirvan para prever liñas de actuación conxuntas.