NOTICIA

----

Unha xornada do Consello da Cultura reflexiona mañá sobre os exilios desde a ciencia

Un profesor chileno que foi torturado e perseguido, un estudante sirio que chegou a España como refuxiado, un fotógrafo que fixou coa súa cámara numerosas migracións. Son algúns dos perfís dos participantes da xornada “Persoas refuxiadas ConCiencia. Análise da problemática das persoas refuxiadas desde a Ciencia e como persoas xeradoras de coñecemento” que se celebra mañá xoves no Consello da Cultura Galega. A cita poderase seguir en directo desde o web da institución.

A cita coordinada por Elena Vázquez pretende reflexionar desde o contexto científico sobre os movementos de persoas refuxiadas. Así, preparouse unha xornada que pretende destacar o potencial do coñecemento das persoas que se teñen que trasladar e reflexionar sobre se é unha perda de talento nos lugares de saída e unha ganancia naqueles territorios de acollida.

O programa
A cita comeza co caso español, coa análise da destrución da ciencia en España, concretamente co exilio científico e a depuración universitaria tras a Guerra Civil. Un contexto que describirá Luis Enrique Otero Carvajal, catedrático de Historia Contemporánea na Universidade Complutense de Madrid.
Dentro da perspectiva histórica, José Edelstein, escritor e profesor de Física Teórica na Universidade de Santiago de Compostela (USC), falará nomeadamente das leccións aprendidas e por aprender do antisemitismo. Despois, Encarna Otero presentará ao fotógrafo Gabriel Tizón, que analizará os “Refuxiad@s: os valores do esquecemento.

Xa, pola tarde, o historiador Ricardo Gurriarán, membro do grupo Histagra-USC e Fundación 10 de Marzo, falará dos exilios científicos galegos. De aí dará paso aos testemuños de varios refuxiados. O primeiro deles é Eleuterio Toro, profesor emérito da Universidade de Trento, que ten unha vida interesante. Viviu un maremoto, un terremoto, foi secuestrado e torturado, viviu en arresto domiciliario ata que conseguiu fuxir ao Reino Unido.
Despois, tres estudantes da Universidade de Santiago de Compostela (USC) como Kamal Aldalati, Rania Ali Salman El-Kouz e Zaid AlHamwy contarán a súa experiencia desde o presente.

Pecha a xornada Anxo Carracedo, catedrático de Medicina Legal (USC) e membro do Plenario do CCG, que falará das razóns xenéticas da importancia da diversidade e a contribución das migracións.