NOTICIA

----

O Consello da Cultura aborda mañá a ourivaría castrexa nunha xornada

En 1920 atopouse no concello de Oroso un conxunto composto por 16 arracadas, diversos elementos de suspensión, tres lingotes e unha masa de fundición. É coñecido como o Tesouro de Recouso o conxunto de ourivaría castrexa estudado cun maior número de técnicas analíticas. Sobre el, pero tamén sobre ourivaría da cultura castrexa, tratará a xornada que o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá. A cita insírese dentro do ciclo “Encontros co patrimonio”, que cumpre dous anos, e será retransmitida en directo desde o web da institución.

Foi atopado de maneira casual nun castro do concello de Oroso arredor de 1920 e na actualidade gárdase no Museo das Peregrinacións e de Santiago. É o conxunto de ourivaría castrexa estudado cun maior número de técnicas analíticas e un dos exemplos que se abordarán no marco dunhas xornadas en que participan Xosé Lois Armada, Rebeca Blanco-Rotea, Simona Scrivano e Óscar García-Vuelta.

A ourivaría
A ourivaría é unha das manifestacións máis salientables da cultura dos castros do noroeste. A abundancia de recursos auríferos e a mestura de correntes atlánticas e mediterráneas contribúen a explicar unha produción ourive de alta calidade, da que hoxe coñecemos máis de duascentas pezas conservadas nos nosos museos (torques, arracadas, brazaletes, diademas-cintuo, etc.).
A aparente ausencia de contextos, a dificultade de acceso aos materiais e o predominio dos enfoques tipolóxicos condicionaron durante décadas a investigación desta ourivaría. Porén, dende comezos do novo milenio veñen xurdindo novos enfoques metodolóxicos e interpretativos. Estas novas achegas priorizan o estudo tecnolóxico e arqueométrico, procuran nova información contextual e cronolóxica e tentan comprender este fenómeno no contexto social das comunidades da Idade do Ferro e dos primeiros tempos da presenza romana.
Desde o ano 2010 o Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC vén liderando proxectos de investigación financiados en convocatorias públicas competitivas orientados ao estudo da metalurxia protohistórica da Europa atlántica. A investigación sobre a ourivaría dos castros constitúe unha parte moi salientable destes proxectos. O obxectivo deste encontro é facer un balance divulgativo do traballo realizado ata o presente, con especial énfase nun dos conxuntos máis salientables da ourivaría castrexa: o Tesouro de Recouso.

Encontros co patrimonio
Con esta cita cúmprense xa dous anos da serie “Encontros co patrimonio”, unha proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, que quería poñer o foco sobre actuacións en marcha de bens do patrimonio galego. Naceron con carácter periódico e pretendían participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens. Co gallo da efeméride, a coordinadora da Sección, repasará o estado da cuestión desta iniciativa e dos aspectos abordados desta proposta que realizou 15 xuntanzas.