NOTICIA

----

Unha xornada destaca a importancia dos dispositivos móbiles para culturas minoritarias

A importancia dos dispositivos móbiles, a necesidade de facer contidos adaptados para eles, así como a oportunidade que lle ofrecen a culturas como a galega son algunhas das ideas que diferentes expertos abordaron na cita “Sociedade móbil e cultura: novos e vellos desafíos”. Un encontro organizado polo Consello da Cultura Galega baixo a coordinación de Xosé López, Manuel Gago e Alba Silva, que puxo enriba da mesa datos de uso actuais que reforzaron a súa importancia. Nesa liña, o presidente da institución, Ramón Villares, asegurou na inauguración que “non todo se resolve con máquinas e cómpre pensar e tratar de adaptar a cultura aos soportes que ten a sociedade”.

Foron varios os expertos que ao longo da xornada de hoxe ofreceron estatísticas que evidenciaron o incremento do uso dos móbiles a día de hoxe. Koldo Meso, da Euskal Herriko Unibertsitateak, apuntou que a media europea, é que pasamos 170 minutos diarios ao móbil, 120 ao ordenador e 75 coas tabletas. Na presentación do programa dise que 87 de cada cen usuarios de Facebook fano a través do móbil e son nove máis que hai un ano. Ademais, os últimos datos de tráfico de Google revelan que o uso dos dispositivos móbiles supera ao dos fixos. Neste contexto, diferentes expertos nacionais e internacionais achegaron as súas estratexias e características para aproveitar as oportunidades que este tipo de escenario ofrece.

Inmediatez e adaptación, os grandes retos
A xornada comezou cun relatorio de Juan Miguel Aguado, da Universidad de Murcia, explicou que a información é ubicua “porque se pode levar dun lado a outro”. Situou esa capacidade en tres vectores: o relacional, o identitario e o ambiental. Aguado, que traballa en contidos para dispositivos móbiles desde o ano 2003, destacou o papel do contido que “deixa pegada, se pode empregar e tamén se pode monetizar”. Sobre esa idea traballou máis tarde Koldo Meso, da Euskal Herriko Unibertsitateak, que afirmou que “o futuro pasa por Internet e polo crear novos produtos e novos nichos de mercado”. Na súa intervención debullou estratexias que están a facer medios de comunicación para crear novos produtos nun contexto marcado pola crise. Unha crise que fixo que en 2015 se pecharan en España 375 medios de comunicación con cifras tamén avultadas noutros países.

Para Koldo Meso o periodismo do século XXI pasa pola inmediatez. Na súa opinión o grande reto é tanto crear contidos, reordenar redaccións a ese novo entorno e aproveitar o tráfico.

Pechou a sesión da mañá João Canavilhas, da Universidade da Beira Interior, cun relatorio no que puxo de manifesto a oportunidade dos dispositivos móbiles para producir contidos e intervir na sociedade, con todo incidiu na idea de “non confundir xornalismo con activismo”.
Pola tarde Andreu Casero-Ripollés, da Universitat Jaume I, falou sobre a comunicación política na sociedade móbil, que definiu como un “terreo pouco explorado, infravalorada e infrautilizada”. Na súa opinión os móbiles poden achegar moito á comunicación política en tres niveles: acceso, organización e conexión.

Eva Campos, da Universidad de Valladolid, falou sobre as oportunidades da comunicación móbil para os actores culturais, no que definiu como “prosumo” que non é máis que a suma de produción máis o consumo de bens e servizos. Manuel Gago, director do porta Culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega, pechou os relatorios cunha intervención na que fixo unha prospectiva da evolución de Internet para os próximos anos e o impacto que pode desenvolver en culturas minorizadas como a galega. Nese sentido fixo unha relación de estratexias concretas e puxo sobre a mesa aplicacións que se están a desenvolver no Consello da Cultura Galega como a máquina do tempo.