NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura asinan un acordo para a elaboración dunha diagnose sobre a cultura galega

O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asinaron esta mañá un acordo de colaboración para o financiamento da elaboración de materiais de diagnóstico sobre a situación da cultura galega. “É un acordo interinstitucional que nos permitirá facer unha diagnose que que o goberno elabore unha estratexia específica para a cultura galega” afirmou Ramón Villares, mentres que o conselleiro, Román Rodríguez, destacou a relevancia desta iniciativa “que se fai cunha perspectiva xeral e temporal para a cultura galega”. No acto estaba presente Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura e Marcelino Fernández, xerente do CCG.

Por mor deste acordo, a Consellería de Cultura comprométese coa parte financeira do proxecto mentres que lle corresponde ao Consello da Cultura Galega a realización práctica dos traballos nun período máximo de cinco meses desde a sinatura. Iso implica, unha recollida de datos (cualitativos e cuantitativos) dos sectores culturais máis relevantes: edición, audiovisual, musical, artes escénicas, artes visuais, patrimonio cultural e institucións da cultural (bibliotecas, arquivos e museos). Ademais, o Consello da Cultura tamén se encargará de recoller liñas de actuación sobre diferentes temas transversais que inflúen na cultura galega, entre eles os seguintes: financiamento da cultura; gobernanza na cultura; ámbito dixital e tecnolóxico; internacionalización e proxección exterior; cultura e educación; inclusión cultural; turismo cultural e a muller na cultura, entre outros. Nese sentido, trala sinatura do acordo, o presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, lembrou a traxectoria que leva desenvolvida a institución nesta materia. “Fixemos reflexións estratéxicas entre 2009 e 2011 grupos de traballo, enquisas e outras metodoloxías coas que temos unha experiencia previa que nos permite ser útiles neste punto”, afirmou.

Estas actuacións levaranse a cabo desde o Observatorio da Cultura Galega, servizo creado en 2007 polo Consello da Cultura Galega co fin de compilar as principais estatísticas de ámbito cultural de interese para Galicia. A produción fundamental do Observatorio é a información estatística, aínda que entre as súas funcións está a redacción de informes de tipo cualitativo e avaliativo. Todos os resultados teñen por fin último contribuír ao desenvolvemento de políticas culturais sobre unha evidencia empírica.

Estratexia da Cultura Galega 2021
A sinatura deste acordo encadra dentro do interese do goberno galego de redactar a Estratexia da Cultura Galega, un plan de traballo para idear a cultura galega no horizonte da segunda década deste século, mediante un proceso compartido e participativo. Un documento no que implicará todo o sector na redacción dese documento, que ten como retos adaptar a cultura ao eido dixital, á internacionalización, buscar fórmulas de colaboración público-privada e de financiamento e definir o papel da Cidade da Cultura. Román Rodríguez destacou que nos permite ter “unha folla de ruta de aquí ao ano 2021, que será un ano importante xa que é ano Xacobeo” e destacou o carácter pioneiro deste documento. “É a primeira estratexia que se fai desde unha perspectiva xeral e temporal”. A Estratexia da Cultura Galega ten, ademais, outro valor engadido, que é o seu carácter participativo, xa que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, detallou que, “os materiais de estudo e reflexión que nos facilite o Consello da Cultura serán fundamentais xa que servirán de base de traballo para as persoas dos diferentes grupos de traballo”.