NOTICIA

----

Mañá comeza un foro pioneiro que debaterá a situación lingüística en España

Representantes de todas as linguas existentes en España, con recoñecemento oficial ou sen el, reúnense por primeira vez no Consello da Cultura Galega (CCG). Unha cita pioneira que conta coa colaboración do Consello de Europa e que celebra os vinte e cinco anos da aprobación dun documento clave: a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias. Ramón Villares, presidente do CCG; Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega; Sixto Molina, xefe da Secretaría da Carta Europea para as linguas do Consello de Europa; Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e o coordinador do foro, Fernando Ramallo, inaugurarán este encontro que se pode seguir en directo desde o web do CCG.

Amazige, árabe dariya, aragonés, aranés, asturiano, caló, catalán, éuscaro, fala, galego, leonés e portugués son, por orde alfabética, as linguas existentes en España. Representantes de todas e cada unha delas estarán xuntos por primeira vez nun encontro que permitirá reconstruír o mapa lingüístico do Estado e ofrecer un balance da situación actual.

O programa
Durante o primeiro día exporase a situación das linguas sen recoñecemento oficial: o amazige, o árabe ceutí, o aragonés, o caló, o aranés e o catalán de Murcia. Seguidamente comezarase coa análise das linguas oficialmente recoñecidas en dous ámbitos: o educativo e o dos medios de comunicación.
O segundo día comezará expoñéndose a situación das linguas oficiais no ámbito da xustiza, nas administracións e nos servizos públicos. No programa tamén está previsto que se aborde a monitorización do cumprimento da Carta Europea para as linguas Rexionais ou Minoritarias, para o que estará presente o xefe da Secretaría da Carta, Sixto Molina. Antes das conclusións, responsables de institucións culturais como o Consello da Cultura Galega, o Instituto Ramón LLul e o Instituto Vasco Etxepare ofrecerán unha reflexión sobre estes asuntos desde o punto de vista de traballo destas entidades responsables de velar pola cultura galega, catalá e vasca.