NOTICIA

----

Creadores e teóricos inciden na importancia da difusión da identidade cultural

Os relatorios dunha gaiteira e traballadora cultural como Cristina Pato e dun catedrático en Teoría do Sinal como Domingo Docampo serviron de indicadores para amosar cara onde vai a industria cultural galega. A diversificación da creación canda a un mercado desenvolvido tecnoloxicamente son necesarios para situar a nosa cultura no mundo global. Esta foi a idea que se abordou desde múltiples puntos de vista na xornada do Consello da Cultura Galega “A industria cultural galega no horizonte 2025” coordinada por Xosé López, Víctor Freixanes xunto con Berta García Orosa e na que participaron preto dunha vintena de teóricos e creadores.

A segunda sesión das xornadas “A industria cultural galega no horizonte 2025” comezou coa exposición de Domingo Docampo, catedrático en Teoría do Sinal, que debullou un panorama positivo en Galicia: “estamos onde hai que estar e temos infraestruturas e un sector das TICs”. Na súa opinión, os desafíos pasan por “achegar as infraestruturas de banda larga a todo o país” e recoñecer que “a fenda dixital hoxe é cultural”. O perfil completouno Berta García Orosa cun relatorio no que expuxo resultados do grupo de investigación en comunicación Localcom que incidía na perda de espazo comunicativo e cultural por mor da crise do que aínda non nos recuperamos.

No campo dos contidos, o programa deu paso a Cristina Pato quen comezou a súa intervención tocando unha pequena peza para explicar como “a gaita deixou de ser un instrumento que tocaba para ser o eixe da miña carreira”. Partiu da súa experiencia persoal para debullar o perfil do artista sostible do século XXI que xunta entusiasmo, paixón, aprendizaxe continua e unha boa estratexia comunicativa. “Estamos nunha industria cambiante, se antes era una discográfica a que editaba, agora recorres ao crowfunding para financiar os teus proxectos, alén de petar en moitas outras portas” afirmou. Educadora, emprendedora, conferenciante e gaiteira, Cristina Pato ofreceu unha lección de versatilidade que, para Víctor Freixanes permite ver “as características esenciais dunha artista que estaba na nosa cultura tradicional e ofrecer a súa proxección no mundo en pé de igualdade con outras culturas”: Nesa liña tamén incidiu María Yáñez, especialista en estratexias nas redes, que afirmou que “canto máis singulares sexamos máis visibles e relevantes estaremos na rede”.

No serán, Inma López Silva centrou a situación das artes escénicas en Galicia caracterizada polo efecto da crise, pola dependencia do investimento público e moi deficitario nos públicos. Propuxo un cambio de modelo no que sexan os públicos os que sustenten o cambio. Agar Ledo ofreceu a súa análise do sector das artes visuais mentres que Nieves Rodríguez Brisaboa falou das industrias arredor da rede. Francisco Campos pechou a cita cunha conferencia sobre a economía da cultura en Galicia.

Unha sesión para situar o contexto actual
As xornadas arrincaron o martes coa análise da realidade actual. Enrique Bustamante debullou a batalla para reivindicar a cultura como piar vital de desenvolvemento da sociedade. Na súa opinión “necesitáronse marcadores concretos para saber como se podía medir a relevancia da cultura en ámbito económicos, sociais...”. Na súa conferencia avanzou que en 2025 o 90% da cultura será dixital. “Perdérone 80.000 postos de emprego (dun total de 500.000), houbo unha caída do gasto público en cultura e comunicación” que cuantificou do 50% a nivel autonómico en 2016 e insistiu en reforzar a cooperación. Fixo un repaso por informes e estudos de investigación sobre gasto público en cultura que lle permitiu afirmar que “o sector sufriu pérdidas graves no último lustro que aínda non se recuperaron”. Concluíu a súa intervención solicitando un gran pacto social pola cultura.
Pola súa banda, Miquel de Moragas, da Universitat Autònoma de Barcelona fixo un repaso polos grandes fitos dos cambios neste sector e afirmou que “o que menos mudou neste tempo foron as necesidades humanas de comunicación”. Neste cambio avogou pola necesidade dunha nova pedagoxía da protección de datos e da xestións dos mesmos. Foi o profesor Bernardo Díaz Nosty quen puxo o énfase na necesidade da implicación política na reorganización do sistema de medios.

Baixo o título “A tormenta perfecta. A industria cultural galega no escenario do século”, Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega e coordinador da xornada xunto con Xosé López e Berta García Orosa, falou das eivas desta tormenta perfecta no noso país como son unha escasa poboación para competir nun mercado económico, o problema da dispersión xeográfica (canda a desertización de aldeas), a falta dunha política pública estratéxica e a caída de recursos financeiros (perda das caixas, Banco Pastor....).

Manuel Bragado situou o contexto da edición, Xosé Ramón Pousa o dos medios de comunicación mentres que Margarita Ledo e Miguel Anxo Fernández explicaron a situación actual da creación audiovisual e cinematográfica.