NOTICIA

----

Antonio Izquierdo analizará a política inmigratoria española no novo escenario

O xoves 9 de febreiro terá lugar ás 17:00 horas no Consello da Cultura Galega unha nova sesión do ciclo Europa Fortaleza cunha conferencia sobre a política inmigratoria española a cargo do catedrático de socioloxía da UDC, Antonio Izquierdo. No seu relatorio achegará unha visión diacrónica da política inmigratoria das últimas tres décadas e proporá catro claves para o futuro: a selección de fluxos, a recuperación dos desempregados, o equilibrio na naturalización e a equidade na formación dos menores inmigrantes.
Antonio Izquierdo analizará a política inmigratoria española no novo escenario

Baixo o título A política inmigratoria española no novo escenario: consideracións e propostas, o relator analizará a política española das últimas tres décadas e avogará por unha reformulación, logo dos efectos causados pola crise do último setenio. Antonio Izquierdo Escribano é catedrático de Socioloxía na Universidade da Coruña e membro do Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais (ESOMI) e do Arquivo da Emigración Galega. Foi o representante de España na OCDE de 1989 a 2008, en calidade de experto en migracións internacionais.

O autor defende que a política de “estranxeiría laboral” practicada nos últimos trinta anos debe tender cara a unha política de inmigración non só ocupada de regular os fluxos laborais, senón tamén da inclusión na cidadanía da poboación inmigrante. Así, considera que non houbo grandes diferenzas estratéxicas entre os gobernos de distinta cor política, que pasou nas décadas dos oitenta dunha xestión sociolaboral da inmigración a unha concepción policial do control migratorio. Na actualidade, recomenda o experto, deberíase abstraer a política de inmigración dunha visión partidista e curtopracista para se converter nunha política de estado con visión de futuro. Para isto, advirte que convén pensar na inmigración como estrutura e non na estranxeiría como inimigo cultural e redistribuír as políticas de recepción e de inserción. Cómpre –sinala Izquierdo- desprazar o acento da obsesión polo control cuantitativo dos fluxos de entrada (e pouco polos de saída) ás políticas de inclusión social e integración cívica nunha sociedade que está penetrada pola globalización.

O Consello da Cultura Galeg vén prestando no último ano especial atención á cuestión dos fluxos migratorios e o incremento do movemento de persoas refuxiadas no ciclo Europa-Fortaleza. Coordinado por Ramón Máiz, participaron xa Carmen González, Montserrat Guibernau e Javier de Lucas. As vindeiras conferencias serán as de Rafael Grasa, profesor titular de Relacións Internacionais da Universitat Autónoma de Barcelona e presidente do Instituto Catalán Internacional para a Paz (2 de marzo:)e de Nira Yuval-Davis, directora do Research Centre on Migration, Refugees and Belonging (CMRB) na University of East London (9 de marzo).

As persoas interesadas poden acceder ao texto íntegro da intervención de Antonio Izquierdo e solicitar a inscrición para asistir ao coloquio en:
http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200536