Os “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” analizan os xacementos nas cidades

Son varios os casos de obras en cidades galegas que foron ou paralizadas ou modificadas polo achado dun xacemento arqueolóxico. A factoría de salga atopada na obra da rúa Marqués de Valladares en Vigo ou o templo romano ao lado do Círculo das Artes de Lugo son só algúns exemplos. Estes dous casos analizaranse no marco da sétima xornada dos “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural”, que se desenvolve mañá á tarde no Consello da Cultura Galega (CCG). A cita poderase seguir en directo a través do web da institución.

A sétima sesión dos “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural”, que se desenvolven no Consello da Cultura Galega desde hai uns meses poñen desta volta o foco nunha cuestión de actualidade: a paralización ou modificación de obras por mor dun achado arqueolóxico. Unha cuestión de ampla repercusión social e que se revisa nun momento especialmente idóneo xa que coa crise hai menos casos. Como conciliar os intereses documentais e preservacionistas dos investigadores, cos dos propios promotores das obras (ben inmobiliarios ben doutro tipo) a partir do estudo de dous casos é o cometido desta xornada coordinada por Teresa Nieto.

O programa
A sesión pivota entre dous casos: dunha banda analizarase o achado dunha Factoría de Salga na rúa Marqués de Valladares en Vigo e, da outra, o Templo Romano descuberto no Círculo das Artes de Lugo. Do primeiro caso falarán os arqueólogos Xulio Carballo, da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Adolfo Fernández, da Universidade de Vigo e Soledad Prieto Robles, da empresa que realizou a intervención. No caso lucense falarán os arqueólogos Gonzalo Meijide, da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Enrique González, do concello de Lugo e Roberto Bartolomé que foi o director da intervención.
A sesión complétase cunha pequena historia da xestión da arqueoloxía urbana en Galicia a cargo de Xulio Carballo arqueólogo da consellería de Cultura na delegación de Pontevedra.

Un foro de debate e reflexión
Os “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” son unha nova proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que pretenden poñer o foco sobre actuacións en marcha acerca de bens do patrimonio galego. Fanse con carácter periódico e pretenden participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens. Insírense nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución, que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. O Museo das Peregrinacións, o Camiño de Santiago, as fortificacións romanas ou as igrexas medievais centraron sesións anteriores destes encontros.

Outras noticias que che poden interesar