NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega celebra mañá na Coruña o Concerto das Letras con Milladoiro

O Consello da Cultura Galega (CCG) pecha os actos académicos do Día da Letras Galegas co seu tradicional concerto. Nesta ocasión, a súa proposta de conmemorar dun xeito festivo o 17 de maio cambia de rexistro para lembrar a Manuel María. O teatro Rosalía da Coruña acollerá un concerto en que o grupo Milladoiro poñerá música aos textos do poeta lucense canda outras pezas da emblemática formación, nun formato en que tamén haberá espazo para a danza. O concerto ten a cabida completa, logo de que se esgotaran as entradas que se puxeron a disposición do público.

No propio Día das Letras, como peche dos actos académicos e arrinque do ano das Irmandades da Fala, previsto para o día 18 de maio, terá lugar a sexta edición do Concerto das Letras Galegas. O teatro Rosalía é o escenario elixido nesta ocasión para esta xa tradicional celebración do Consello da Cultura Galega.

A proposta consistirá nun concerto de Milladoiro cun programa en que, alén de repasar a súa traxectoria, ofrecerá varias pezas do disco titulado Unha estrela por guía. Editado en 2007, consistía nunha homenaxe ao poeta lucense e percorría musicalmente libros como Cancións do Lusco ao Fusco, Sonetos á casa de Hortas ou As rúas do vento ceibe. Ademais, nesta ocasión, Milladoiro contará coa presenza de dous bailaríns convidados: Jesús Quiroga e Eva Faraldo, que completarán esta homenaxe ao autor da Terra Chá. O concerto celebrarase coa capacidade completa, logo de que se esgotaran as entradas que se puxeron a disposición do público de xeito gratuíto.

Unha formación moi destacada
Xosé V. Ferreirós, Nando Casal, Moncho García, Manuel Riveiro, Harry e Manu Conde son os integrantes actuais desta histórica formación que leva preto de corenta anos de traxectoria con máis de vinte discos propios aos que se lle suman outros dez entre colaboracións e compilatorios. Ten no seu haber preto de vinte premios, entre os que destaca o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba ou o Primeiro Goya que recibiu o audiovisual galego. Ao longo desta dilatada traxectoria, Milladoiro actuou nos principais escenarios de todo o mundo, como o Teatro Nacional Cervantes en Bos Aires, o Irish Center Auditorium de Chicago, o Kefferson Auditorium de Newark ou o Gaiety Theatre de Dublín.

Actos arredor do Día da Letras Galegas
O concerto encádrase dentro das actividades previstas polo Consello da Cultura Galega para festexar o Día das Letras Galegas, entre as que tamén destaca a reedición da obra de Manuel María “Advento”, editada inicialmente por Ediciones Galicia do Centro Galego de Bos Aires e con cuberta de Luís Seoane.