NOTICIA

----

Unha xornada do Consello da Cultura Galega debate arredor da divulgación do patrimonio

Nos últimos anos apréciase unha preocupación crecente pola divulgación científica do patrimonio tanto por parte de profesionais como de afeccionados. Unha inquedanza que se traduce en numerosas iniciativas que aproveitan as novas tecnoloxías para difundir e por en valor os procesos de patrimonialización. Algunhas destas iniciativas, a nivel galego e español, están recollidas nas xornadas “Patrimonio e comunicación. Novos paradigmas” que arrincan mañá no Consello da Cultura Galega e que se poden seguir en directo a través do web da institución.

Catro mesas e preto dunha vintenta de participantes tentarán ofrecer unha radiografía das estratexias de visibilización e posta en valor dalgúns procesos de patrimonialización existentes a día de hoxe. Dous días nos que confluirán no Consello da Cultura profesionais de ámbitos como o patrimonio e a comunicación xunto coa cidadanía en xeral para debater sobre un tema que afecta a todos e a todas.

Sesións do xoves
A primeira mesa está orientada á relación do patrimonio coa sociedade. Para iso, Felipe Criado-Boado, profesor do CSIC en Galicia, falará de como activar o patrimonio na sociedade. Séguelle dúas intervencións arredor desta idea: dunha banda María del Mar Bóveda contará proxectos concretos nos que participa e, da outra, Manuel Ángel Pombal Diego achegará o caso singular da Costa dos Castros, no que varias comunidades de montes desenvolven de xeito coordinado varios proxectos e que teñen de especial que se enfocan desde o punto de vista dos comuneiros.

A segunda mesa está centrada na relación do patrimonio coa industria cultural. O profesor da universidade do País Vasco Juan Carlos Miguel de Bustos falará da comunicación do Patrimonio Cultural na era da Internet desde unha perspectiva teórica. A parte práctica chega da man das empresas Sixtema e Etnogar que contarán a súa experiencia en proxectos de desenvolvemento económico e turístico.

A terceira mesa aborda o conflito na difusión do patrimonio a través de experiencias públicas e privadas. Desde o ámbito institucional ofrecerase o caso de éxito do Instituto Andaluz do Patrimonio Histórico que contará a xornalista Beatriz Sanjuán Ballano. Desde o ámbito privado, Araceli Pereda falará da lista vermella do patrimonio e os micromecenados como modelo de fidelización co patrimonio. Canda ela, Guadalupe Jiménez, do CSIC e o xornalista Javier Romero relatarán as súas experiencias en casos conflito como poden ser os de Muxía e Fisterra, entre outros.


A segunda sesión
A xornada remata o venres cunha mesa dedicada a analizar e dar a coñecer iniciativas que empregan as tecnoloxías e as redes sociais nos procesos de patrimonialización. O punto de vista teórico chega da man de Manuel Gago cun relatorio titulado “A comunicación sobre cultura e patrimonio cultural nas redes sociais”. Despois explicaranse dous casos concretos como son o Proxecto Socheo e a difusión web da proposta de recuperación do Castelo da Rocha Forte. A xornada remata coa presentación do plan de comunicación dunha iniciativa concreta como é a intervención da igrexa do santo Cristo da Sáude de Málaga que explicará o xornalista e doutor en historia, Antonio Martín Pradas.