----

Os XVIII “Encontros para a Normalización” centraranse no uso da lingua nos máis novos

Os “Encontros para a Normalización” chegan á súa maioría de idade sendo un espazo de debate e reflexións sobre a lingua. Nesta XVIII edición, que comeza mañá xoves, volven poñer o foco nos máis novos cun programa encamiñado a coñecer as motivacións da mocidade galega a falar nun ou outro idioma, a debater sobre cal é a potencialidade das redes dixitais e cal o papel da escola. A cita está organizada polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia (CDSG) do Consello da Cultura Galega (CCG), e poderase seguir en directo a través do web. Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Rosario Álvarez, vicepresidenta do CCG, serán os encargados da inauguración dun encontro que se desenvolverá na sede da institución ata o venres.

A última edición dos “Encontros para a Normalización Lingüística” puxo enriba da mesa a necesidade de coñecer e actuar sobre os usos lingüísticos da mocidade. Unha idea que se retoma nesta edición e sobre a que sociólogos, politólogos, psicólogos e outros expertos debaterán sobre os comportamentos da fala nos máis novos.

O programa
A cita arrinca mañá pola tarde cunha mesa orientada a coñecer os comportamentos da fala nos máis novos. Miguel Pérez Pereira, profesor de Psicoloxía evolutiva e da educación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), analizará actitudes e condutas lingüística, mentres que o profesor da Universidade de Vigo Fernando Ramallo falará de motivacións, identidades e ideoloxías. Esta primeira sesión rematará cun debate coordinado por Luís Cuntín no que varios rapaces explicarán que falan e o porqué.
Os encontros continúan o venres con sesións de mañá e de tarde. Pola mañá centraranse no uso das tecnoloxías como ferramentas con vantaxes e inconvenientes para a difusión o idioma entre a mocidade. O profesor da Universidade de Vigo Eduardo Rodríguez Banga describirá un contexto xeral no que enumerará as oportunidades para o galego na era dixital. Despois, Rosario Pérez Magdalena, técnica do CDSG, presenta un debate en que o webmaster de Código Cero Marcus Fernández e Xusto Rodríguez, do Servizo de Normalización Lingüística da USC, falarán de tecnoloxías e dos recursos lingüísticos para a normalización.

A sesión da mañá remata prestando atención ao contexto educativo e familiar a raíz de dúas investigacións en curso no ámbito universitario. Anik Nandi, da Heriot-Watt University de Edimburgo, debullará estratexias para a transmisión interxeracional do galego no contexto familiar, mentres que Marta Gómez Ocampo, investigadora da USC, analizará a política lingüística no ensino centrada no papel dos docentes e dos ENDL.

Xa pola tarde, presentaranse os primeiros resultados dunha investigación que empregou metodoloxía inédita ata o momento para o estudo do galego e que se centra en coñecer as actitudes e as vontades de comunicación por parte dos máis novos. Os sociolingüistas Håkan Casares, Xaquín Loredo e Luis Cuntín ofrecerán as primeiras cifras e valoracións desta enquisa que se realizou entre mozos de entre 15 e 25 anos de toda Galicia.
A última conferencia está centrada en reflexionar, a partir de datos empíricos e teorías, sobre o efecto dos Modelos de Educación Bilingüe na aprendizaxe lingüística, as actitudes e os seus usos. Unha panorámica que ofrecerá Cecilio Lapresta, profesor de Socioloxía da Universitat de Lleida.

Os XVIII Encontros para a Normalización conclúen cun debate final, que vén precedido da actuación de María Lado e Lucía Aldao, que ofrecerán o seu espectáculo titulado “Xente normal” .