NOTICIA

----

Un gran coro de nenos e nenas cantarán a lírica medieval na cuarta edición de “No bico un cantar”

As cancións dos xograres e trobadores medievais protagonizan a cuarta edición de “No bico un cantar”, un programa que ten un carácter didáctico e cultural e xunta música, poesía e mocidade. O concerto foi presentado esta mañá na biblioteca do Consello da Cultura Galega (CCG) polo seu presidente, Ramón Villares, quen destacou o seu papel de difusión cultural ao lembrar que “o que se aprende cantando, non se esquece máis". Canda el estaban Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Héitor Mera, concelleiro de Cultura de Cangas; Rosario Álvarez, vicepresidenta do CCG, e Maximino Zumalave, director artístico do concerto. A cita xuntará en Cangas, o vindeiro 3 de xuño, un gran coro de nenos e nenas chegados dos conservatorios de música profesional de Galicia para cantar a lírica medieval. A cita suporá a estrea da versión musicada do poema “Pois nosas madres van a San Simón” de Pero Viviaez a cargo do compositor Rogelio Groba.
Un gran coro de nenos e nenas cantarán a lírica medieval na cuarta edición de “No bico un cantar”

Na presentación da cuarta edición de “No bico un cantar” púxose de manifesto a necesaria colaboración institucional que une o traballo da administración local, da autonómica ata os conservatorios profesionais e a achega de particulares para conseguir unha proposta única. O conselleiro, Román Rodríguez, insistiu no seu simbolismo, así como na combinación de educación e cultura presente en múltiples manifestacións desde a antiga Grecia.

A cita desenvolverase no concello de Cangas, zona destacada do “Mar de Vigo” ao que cantaban os xograres, e o seu concelleiro, Héitor Mera, incidiu en que a vila acolle con “esperanza, ilusión e alegría” esta celebración. Foi o director Maximino Zumalave quen detallou o programa desta edición, conformado por catro cantigas de diferentes xograres e trobadores que recollen unha mostra da lírica trobadoresca, a primeira manifestación literaria da lingua galega. Os títulos escollidos son “A Cançao do marinheiro” do xograr Lourenço, composta polo compositor brasileiro Héctor Villa-Lobos, xunto con dúas obras moi populares como son as cantigas de Martín Códax "Quanto sabedes amar” e “Ondas do mar de Vigo" (que van xuntas no programa) e "Rosa das Rosas" de Alfonso X, O Sabio. Canda elas, e como vén sendo habitual neste concerto, o Consello da Cultura Galega encargou a composición musical dunha cantiga. Nesta ocasión trátase da estrea da versión que Rogelio Groba fixo de "Pois nosas madres van a San Simón" de Pero Viviaez. En total, catro pezas que pretenden evocar a creatividade que a lingua galega viviu durante o período medieval.

O pianista e director Maximino Zumalave repite como responsable artístico deste proxecto, que xuntará preto de cincocentos nenos e nenas chegados de diferentes conservatorios de música profesional de toda Galicia. Canda el, tamén repite o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos (trompeta, trompa, trombón e tuba), ao que se incorpora un músico para conformar un sexteto.

No bico un cantar
Unha frase Curros Enríquez a Rosalía, No bico un cantar, deulle nome a un proxecto do Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura e Educación que naceu en 2013 co obxectivo de dar a coñecer poetas recoñecidos da nosa terra pero desde un punto de vista musical. Nese ano, cando se cumprían o 150 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta de Padrón foi a protagonista dun concerto que se desenvolveu en San Domingos de Bonaval. A segunda edición trasladouse a Celanova, por ser o lugar de nacemento de Curros Enríquez; nesa edición estrouse a versión musical do poema de Curros “Nouturnio” que o CCG lle encargou a Xabier Comesanha. En 2015, a cita trasladouse a Cambados para cantar a Ramón Cabanillas.

Repertorio para coros
O Consello da Cultura Galega ten feito diferentes encargas a compositores galegos actuais de obras para coro sobre textos clásicos da literatura galega. Entre os máis destacados figura a versión para coro e orquestra do poema “Penélope”, de José María Díaz Castro, realizada por Octavio Vázquez e estreada no marco do Concerto das Letras Galegas 2014 (que tivo lugar en Lugo). Ademais, o CCG ten solicitado arranxos de composicións musicais existentes, como os que fixo Juan Durán da versión de José Baldomir do poema “A Rosalía”. Esta iniciativa supón a elaboración continuada dun repertorio para coros que está dispoñible para todos os usuarios desde o web da institución.

Outras noticias que che poden interesar