
Hai moitas maneiras de achegar o teatro aos máis novos nun ámbito escolar. Hai quen usa o teatro para instruír nos contidos das materias de clase, e quen o emprega como un divertimento. Todas as opcións, así como as súas vantaxes, quedaron de manifestou na xornada “Teatro amador na infancia e na mocidade”. A cita que se desenvolveu ao longo da xornada de hoxe no Consello da Cultura Galega incidiu na relación entre a educación e a cultura pero, sobre todo, puxo de manifesto o papel central das artes escénicas na formación e a necesidade de que exista unha maior integración destas no currículo educativo.
A cita organizada pola Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega estaba coordinada por Inma Lopez Silva e Euloxio Ruibal. Nela pretendían recoller o facho acendido nunha xornada semellante hai dous anos sobre o teatro amador e que agora centraba o enfoque no ámbito escolar. Nesta ocasión, a cita construíase arredor de tres mesas redondas con diferentes con diferentes puntos de vista. Abriu a xornada Asun Sólvora, unha profesora que achegou un relatorio no que demostrou como era posible conseguir un auténtico festival escolar como é a Mostra de Teatro do Ensino Secundario do Morrazo. Ánxela Doval, profesora nun centro en Porto do Son, achegou outra posibilidade, como é o uso de estratexias e técnicas teatrais para achegar os contidos da materia de Educación para a cidadanía. A primeira mesa rematou con Ángeles Abelleira, quen ofreceu outro punto de vista diferente, o dunha mestra de infantil (de 3 a 6 anos) que traballa desde o teatro.
A xornada da mañá completouse coa revisión de experiencias que abordan o teatro como actividade extracurricular. Artur Trillo contou o caso da Escola Municipal de Teatro de Cee que xestiona a compañía Talía Teatro. Xesús Ron, de Chévere, detallou as iniciativas que esta compañía leva desenvolvido desde a súa experiencia na Sala Nasa e como residencia en Teo. Pechou a mesa Pilar López coordinadora do proxecto KunArte de Euskadi.
Xa pola tarde, Manuel F. Vieites, director da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia(ESAD) destacou a necesidade de que o teatro non sexa considerado como un valor educativo especial, senón como unha ferramenta máis. Defendeu a necesidade de “aprender facendo” e insistiu na idea de que hai que integrar a expresión dramática e teatral dentro do currículo educativo. Na súa opinión, non hai que poñer o énfase en facer espectadores, senón creadores que acabarán por converterse tamén en creadores. Paula Carballeira, directora e actriz da compañía Berrobambán explicou a súa experiencia persoal e como autora neste ámbito. Pechou as exposicións Concepción Largo, coordinadora de Actividades Educativas e Culturais do Centro Dramático Nacional (CDN), quen debullou as actividades desenvolvidas polo CDN desde hai once anos: visitas guiadas, a elaboración de cadernos pedagóxicos e coloquios cos actores; así como unha política de prezos máis reducida para grupos escolares.