NOTICIA

----

Unha xornada do Consello da Cultura insta a empregar novas linguaxes e narrativas para situar a cultura galega na rede

Linguaxe multisensorial, renovación dos procesos editoriais e novas formas de contar a realidade amparadas nas posibilidades que ofrece a tecnoloxía son algunhas das claves de futuro para a cultura galega. Así o trasladaron expertos como Ramón Salaverría ou Mario Tascón no marco da xornada “Desafíos para a cultura galega no escenario interactivo da sociedade en rede”, que se desenvolveu ao longo do día de hoxe no Consello da Cultura galega. A proposta estivo coordinada por Xosé López, Francisco Campos e Manuel Gago.

O catedrático da Universidad de Málaga, Juan Antonio García Galindo abriu a sesión cun relatorio crítico e reflexivo sobre o espazo e o tempo na sociedade actual. Para García Galindo cómpre repensar o papel das tecnoloxías con enfoques menos compracentes e restándolle un papel prioritario, máis centrado no uso que o soporte. De seguido, Ramón Salaverría debuxou un horizonte marcado pola transformación total do xornalismo tal e como o comprendemos hoxe. Na súa opinión o futuro está marcado por cambios en dous planos: o tecnolóxico e o narrativo. Con respecto ao primeiro aspecto, adiantou que estaremos rodeados de pantallas nas que “se cruzarán todos os datos”. No que ten que ver coa narrativa, Salaverría defendeu un relatorio no que os medios de comunicación mudarán a forma de transmisión de contidos. “Serán multisensoriais, estarán influídos pola realidade virtual e a robotización” afirmou. Para el suporá un cambio dos procesos editoriais nos que a figura do xornalista, lonxe de desaparecer, mudará e dará paso a novos perfís profesionais. “O futuro do xornalismo pasa por contidos abertos á creación compartida e á tradución automática” vaticinou. Pechou a sesión da mañá Carlos Elías, da Universidad Carlos III de Madrid, quen falou de cómo atopar historias nos datos. “Importa ter acceso aos datos, pero importa tamén a súa compilación xa que estes por si sós non din nada” asegurou.

Sesión da tarde
Xa na sesión da tarde, Rosa Franquet, da Universidad Autónoma, deu claves sobre como situar a identidade propia no marco do novo escenario cultural. Para ela as “tecnoloxías son ferramentas de empoderamento da cidadanía”, que permiten introducir contidos que se diferencian dos establecidos polos grandes conglomerados empresariais.

Pechou a xornada Mario Tascón, un consultor experto en redes sociais, que ofreceu un relatorio sobre as mudanzas do proceso comunicativo e como iso condiciona a creación de contidos, a diversidade e a identidade na sociedade interconectada. Tascón explicou que os medios son cada vez máis diverxentes, nos que hai unha evolución dos formatos e nos que mudou a cadea de fabricación. “O esquema comunicativo formado por un emisor e un receptor está obsoleto, agora a estes dous axentes hai que engadir tamén as máquinas, os algoritmos” asegurou. Na súa opinión variou o fluxo da comunicación e os xornalistas necesitan coñecer como funciona a distribución, ademais de apelar á creatividade e á innovación como valores esenciais para revitalizar a profesión.

A xornada no seu contexto
Esta actividade sitúase nunha liña de traballo que incita á reflexión sobre a situación actual e que procura dar claves para que os actores culturais teñan unha maior incidencia social e consigan unha maior eficiencia. Unha liña de traballo baixo a que se organizaron xornadas como “Cultura e comunicación no século XXI” ou “Xogar coa cultura”, entre as máis recentes.