NOTICIA

----

O Consello da Cultura acolle mañá unha xornada que debate como situar a identidade propia na rede

Nos últimos tempos Galicia deu pasos para que a súa cultura e a súa identidade estean de xeito activo e visible na rede pero quedan aínda hai moitos retos por cumprir. Sobre eles reflexionará a xornada “Desafíos para a cultura galega no escenario interactivo da sociedade en rede”, que terá lugar mañá no Consello da Cultura galega. A proposta está coordinada por Xosé López, Francisco Campos e Manuel Gago, e contará coa presenza de expertos recoñecidos como Mario Tascón ou Rosa Franquet para falar de novas dinámicas que inciden nos usos e consumos de produtos culturais. A xornada ten o seu aforo completo, con todo, os relatorios pódense seguir en directo a través do web da institución.

A xornada pretende ofrecer as claves para unha cultura como a galega ante un novo contexto, caracterizado pola perda do espazo e do tempo como referencia e a participación activa por parte da cidadanía. Unha sociedade en rede que multiplica as posibilidades para que as nosas manifestacións culturais interactúen e contribúan a xerar coñecemento. Sobre esta idea redundarán os cincos relatorios previstos na xornada “Desafíos para a cultura galega no escenario interactivo”, que se desenvolverá mañá na sede do Consello da Cultura Galega.

O programa
O contexto actual centra o relatorio inaugural. Será o catedrático da Universidad de Málaga, Juan Antonio García Galindo, cun relatorio titulado “Tempo, Espazo e Comunicación cultural na sociedade dixital”. Despois, Macial Muriano ofrecerá o punto de vista da mocidade, ao centrarse nos modos de interacción nas redes sociais e na cultura por parte dos máis novos. Os relatorios da mañá conclúen coa intervención de Carlos Elías, da Universidad Carlos III de Madrid, sobre as oportunidades para comunicar cultura.

Xa na sesión da tarde, Rosa Franquet, da Universidad Autónoma, dará claves sobre como situar a identidade propia no marco do novo escenario cultural. Pecha a sesión unha das figuras máis destacadas do panorama mediático actual, Mario Tascón, un consultor experto en redes sociais, que falará sobre a creación de contidos, a diversidade e a identidade na sociedade interconectada.
Esta actividade sitúase nunha liña de traballo que incita á reflexión sobre a situación actual e que procura dar claves para que os actores culturais teñan unha maior incidencia social e consigan unha maior eficiencia. Unha liña de traballo baixo a que se organizaron xornadas como “Cultura e comunicación no século XXI” ou “Xogar coa cultura”, entre as máis recentes.