----

Luciano Concheiro achega as investigacións recentes sobre o exilio republicano en México no Consello da Cultura Galega

“Non son un especialista no exilio, pero vivilo permíteche apreciar outra realidade e entender por qué o goberno e o pobo de México se volcaron cos refuxiados españois”. Así comezou Luciano Concheiro a conferencia no Consello da Cultura Galega na que fixo un repaso polo que achegaron as últimas investigacións ao coñecemento dun fenómeno que afectou a máis de 40.000 españois entre 1939 e 1942. Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, presentou ao conferenciante nunha biblioteca que tiña o seu aforo completo.
Luciano Concheiro achega as investigacións recentes sobre o exilio republicano en México no Consello da Cultura Galega

Luciano Concheiro é doutor en Desenvolvemento Rural na Universidad Autónoma Metropolitana Unidad Xochimilco (UAM-X), e un especialista en economía e política agraria. O seu pai foi un galego exiliado en México circunstancia que lle permitiu coñecer en primeira persoa esta realidade. Na súa intervención fixo un repaso polas últimas publicacións e actividades que permiten un maior achegamento ao fenómeno que afectou, segundo contabilizou, a máis de 40.000 españois entre 1939 e 1942.

Concheiro ofreceu unha panorámica xeral sobre as investigacións máis recentes que contribúen ao coñecemento do exilio español nese país. Uns traballos que xorden trala creación en 2006 da “Cátedra do exilio español” por mor dun convenio entre a Universidade Autónoma de México e un conxunto de universidades españolas (Carlos III, UNED, Universidade de Valladolid e a Fundación Pablo Iglesias, entre outras). Como resultado desenvolvéronse conferencias, exposicións, xornadas e creouse a biblioteca “Cátedra do Exilio”, que tiña como cometido publicar libros que ben estaban inéditos, ben non foran publicados en México. "1945, entre la euforia y la esperanza: el México posrevolucionario español", "L'Spagne républicaine (1945-1949)", "Ética Celestial y otros relatos entreverados" ou “Diccionario biográfico del exilio español” son algunhas das publicacións que destacou na súa intervención e que permiten construír, nas súas palabras “a necesaria memoria e a historia do país, pero tamén reconstruír un sentido de pertenza diferente”.

Non era a primeira vez que Luciano Concheiro visitaba o Consello da Cultura Galega, en 2011 participou nun seminario no que instou a recuperar o legado do exilio herdado para a mellor memoria do pais que o causou.

Esta sesión foi organizada polo Consello da Cultura Galega conta coa colaboración do Grupo de Historia Agraria e Política do Mundo Rural (Histagra) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), do que é investigador principal o profesor Lourenzo Fernández Prieto, tamén presente na conferencia.