NOTICIA

----

Belo Horizonte acolle Os Adeuses, a mostra que documenta o último éxodo galego a América

Os Adeuses é a exposición que amosa, a través da ollada do fotógrafo Alberto Martí, os últimos momentos da emigración galega cara a América dos anos cincuenta do século pasado que tivo en Brasil e Uruguai os principais destinos. A mostra chega agora a Belo Horizonte (Brasil), onde se pode ver ata o día 27 de febreiro de 2016. Estará aberta no O CâmeraSete–Casa da Fotografia de Minas Gerais, un espazo dedicado ás artes visuais da Fundação Clóvis Salgado, resultado dunha colaboración entre a Secretaria de Estado de Cultura de Minas Gerais e o Instituto Moreira Salles.

Esta mostra, organizada polo Consello da Cultura Galega e o Centro Galego de Artes da Imaxe, pon rostro á que foi a grande epopea da emigración galega e que abrangue case dous séculos da nosa historia máis recente. A exposición selecciona parte do inxente arquivo de Alberto Martí para presentalo en tres partes: “A partida”, centrada nos retratos dos emigrantes a piques de marchar; “A chegada”, na que se amosan os encontros dos retornados; e “Santa María”. Esta última documenta o suceso do coñecido transatlántico que cubría a ruta Caracas-Lisboa-Vigo, secuestrado polo Directorio Ibérico de Liberación (DRIL) en xaneiro de 1961 e que puido regresar ao porto de Vigo en febreiro dese mesmo ano. A maior parte destas imaxes permaneceran ata o momento inéditas e supoñen unha primeira achega ao arquivo fotográfico de Alberto Martí. Un material que, segundo recoñeceu o propio fotógrafo, está composto por millóns de negativos, froito de anos de carreira.
Esta exposición tamén permite apreciar a política migratoria española da época, que, a través de organismos oficiais (Instituto Español de Emigración) ou privados (Comisión Católica de Emigración), tentaba subsidiar ou “asistir” as saídas e as chegadas dos emigrantes. Uns galegos anónimos, pero fundamentais para entender a historia colectiva da Galicia do século vinte.

O percorrido da exposición
Os adeuses exhibiuse por primeira vez na Coruña no ano 2010. Desde alí iniciou unha itinerancia por Galicia que a levou a diferentes localidades como Vigo, Santiago de Compostela, A Pobra do Caramiñal, Ferrol A Coruña ou Ourense. De xeito paralelo, a mostra ten un percorrido internacional xa que estivo en Montevideo, nas cidades arxentinas de Bos Aires, Rosario, Villa Gesell, e na cidade de Santos e São Paulo no Brasil. A exposición Os adeuses poderase ver no Instituto Cervantes de Río de Xaneiro ata o 15 de abril, desde onde se trasladará a Brasilia e Porto Alegre.
Accións coma esta insírense nunha liña de traballo desenvolvida polo Consello da Cultura Galega de fomentar unha relación estratéxica co mundo lusófono, no marco das súas actividades de acción exterior, a través das que proxecta a imaxe da cultura galega no exterior.