“La hice en dos días y hace ya muchos años”, respondeu Luis Brage a unha entrevista do xornal compostelán La Noche sobre a composición de Follas novas, unha peza que foi moi coñecida no seu momento tanto en Galicia como no resto de España e, mesmo, no estranxeiro, que circulou en manuscritos e arranxos sen que se chegase a editar. A versión que se presentará mañá é a primeira edición do texto, logo dun laborioso proceso de documentación a cargo de David Ferreiro Carballo.
Sobre o compositor
A Luis Brage (Santiago, 1886-1959) a música vénlle de familia. O seu pai era clarinetista na capela da Catedral, onde iniciou unha aprendizaxe musical que logo completou na Sociedad Económica de Amigos del País con Enrique Lens. En 1929, trasládase a vivir á vila ourensá de Ribadavia, onde comeza un período activo no musical e no social. Converteu La Lira na banda de referencia da época. Uns anos dourados que rematan co levantamento militar e a súa represión posterior. Brage non ocultou a súa ideoloxía a favor do movemento republicano, o que o levou a estar tres anos na Prisión Provincial de Ourense. Á súa saída, e con continuas represalias, mantívose como profesor de música na Coruña.
David Ferreiro Carballo destaca, na publicación que mañá se presenta, que “o seu é un estilo compositivo sinxelo, no que o compositor emprega sempre melodías tradicionais cunha harmonización simple, sen grandes xiros tonais e cos recursos propios do romanticismo nacionalista no que se formou”.
Un repertorio de música
O Consello da Cultura Galega ten entre as súas liñas de traballo a elaboración e a recuperación do noso patrimonio musical. No apartado de recuperación, salienta o traballo feito sobre José Rodríguez Carballeira, coñecido como Pepito Arriola, do que se editou a súa obra musical. No que ten que ver coa composición, o CCG fixo diferentes encargas a creadores galegos actuais de obras para coro sobre textos clásicos da literatura galega. Entre as máis recentes, sobresae a composición que Margarita Soto Viso elaborou sobre “Fala unha laverca”, sacada do poemario Da terra asoballada, de Ramón Cabanillas; ou a composición que Xavier de Paz fixo a partir de dúas cantigas que Filgueira Valverde escribiu como contestación a Ángeles de Compostela, versos que lle dedicou ao pontevedrés o poeta, músico e mestre Gerardo Diego. Estas dúas obras foron estreadas este ano no marco dos concertos “No bico un cantar” e o Concerto das Letras Galegas. Ademais, destaca tamén a versión de “Penélope”, de Xosé María Díaz Castro, para coro e orquestra realizada por Octavio Vázquez e que foi estreada en 2014.
A Sección de Música e Artes Escénicas
A Sección de Música de Artes Escénicas está coordinada por Maximino Zumalave e conta entre os seus membros con nomes como Inma López Silva ou o compositor Juan Durán. Entre a súa actividade recente destaca a organización das xornadas “As bandas de música na cerna da cultura popular de Galicia” ou “A música tradicional hoxe: perspectivas e retos”; así como a elaboración do informe As artes escénicas en Galicia: situación e perspectivas, que realiza unha análise da situación das artes escénicas nos seus diferentes ámbitos, ademais de facer unha serie de propostas de política cultural para os vindeiros anos.