NOTICIA

----

Unha sesión do Consello da Cultura reflexiona sobre o papel de Filgueira na construción cultural da autonomía

Filgueira Valverde participou activamente na construción e recuperación dunha serie de entidades de ámbito cultural no xermolo da autonomía galega. Esa dimensión analízase na segunda das sesións que integran o programa “Filgueira Valverde na Cultura Galega”, que se desenvolverá o vindeiro martes no Consello da Cultura Galega (CCG). O presidente, Ramón Villares, estará presente nesta cita así como na xornada de clausura, que terá lugar o venres 27 na Fundación Barrié.

As xornadas “Filgueira Valverde na Cultura Galega” están a analizar o papel do homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano desde diferentes puntos de vista. Na sesión do vindeiro martes poñerase o foco en aspectos concretos do labor de Filgueira nun período histórico determinante para a historia de Galicia como é a construción da autonomía. Para iso, representantes de entidades de carácter cultural coas que Filgueira Valverde estivo intimamente relacionado analizarán o seu legado. Así, Francisco Díaz-Fierros abordará a relación que Filgueira mantivo co Seminario de Estudos Galegos, mentres que Eduardo Pardo de Guevara abordará o papel que o vello profesor tivo no Instituto Padre Sarmiento. Ademais, Xosé Carro Otero falará do tema xacobeo en Filgueira. Pechará a mesa redonda Ramón Villares cun relatorio titulado “O Consello da Cultura Galega: a cultura como alicerce da Autonomía Galega”.
Tras as intervencións haberá tempo para un coloquio e para un epílogo musical. Maximino Zumalave ao piano e a solista Anaís G. Fernández ofrecerán un concerto conformado por sete pezas. O programa está sacado do libro “Treinta y cuatro canciones gallegas”, dedicadas a Antonio Fernández-Cid, e consiste en sete poemas e textos de escritores galegos musicados por recoñecidos compositores. No concerto poderase escoitar “Aureana do Sil”, de Ramón Cabanillas; “Panxoliña”, de Vicente Risco, ou “Ao lonxe”, de Otero Pedrayo, entre outros.

Peche das xornadas
O programa “Filgueira Valverde na cultura galega do século XX” é un ciclo de seminarios que arrincou cunha cita dobre os pasados días 10 e 11 de novembro en Pontevedra. Tras a xornada de Santiago, o programa trasladarase á Coruña, onde se desenvolverán dúas sesións. A primeira terá lugar o xoves 26 na Real Academia Galega e nela falarase de sociolingüística e da narrativa de Filgueira. A segunda, e última, efectuarase na Fundación Barrié para tratar da música galega e da tradición oral en Filgueira, así como da súa faceta de bibliófilo e editor. Nesta última sesión participará o presidente o Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e contará cun acto literario musical no que tamén estará presente o director do Museo de Pontevedra, Carlos Valle, e o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.

Actos arredor de Filgueira
O Consello da Cultura Galega participa neste seminario como colofón dunha serie de actividades organizadas ao longo deste ano para recuperar a figura de Filgueira Valverde. A primeira delas tivo lugar en febreiro, cando se asinou un convenio para dixitalizar a extensa correspondencia que Xosé Filgueira Valverde mantivo con Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco e a maior parte da intelectualidade galega do século XX e que repousa nos arquivos do Museo de Pontevedra. A dixitalización comprende o seu epistolario, nomeadamente as cartas con correspondentes de relevancia para a historia e a cultura de Galicia, como son Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Álvaro Cunqueiro e Fernández del Riego, entre outros. O número total de documentos, entre cartas e outros materiais, xira arredor dos 20 000.

A segunda das actividades foi en abril, cando se presentou a edición facsimilar d’Os nenos, a primeira obra narrativa de Filgueira. Está conformada por quince relatos, ilustracións do pontevedrés Luís Pintos Fonseca e o deseño da capa e da contracapa que lle fixo Castelao en 1925 para a que foi a primeira edición. Canda o texto, esta reedición inclúe dous estudos críticos: un literario, a cargo de Fina Casalderrey, e outro artístico, de Miguel Fernández-Cid, ademais incorpora sete ilustracións feitas por David Pintor. A edición pódese descargar desde o web do CCG e ten unha tiraxe de 500 exemplares numerados.

A terceira tivo lugar en maio, cando se celebrou o Concerto das Letras Galegas, cun programa de carácter pontevedrés coa presenza da soprano Carmen Durán e o barítono Gabriel Alonso Díaz. Alén do programa, con música de coetáneos de Filgueira como Iglesias Vilarelle, tivo lugar a estrea da obra de Xavier de Paz (A Coruña, 1963) encargada para a ocasión e que lle puxo música a dúas cantigas que Filgueira Valverde escribiu como contestación a Ángeles de Compostela, versos que lle dedicou ao pontevedrés o poeta, músico e mestre Gerardo Diego.