NOTICIA

----

Mañá comezan no Consello da Cultura as xornadas que analizan a situación do coleccionismo artístico

Profesionais de recoñecido prestixio a nivel internacional no mundo da arte reuniranse desde mañá no Consello da Cultura Galega Galega no marco da xornada “Arte+Coleccionismo”. Unha cita dirixida por Marisa Sobrino e coordinada por Rosario Sarmiento e Natalia Poncela que conta coa participación de responsables de entidades como o Museo Thyssen, a Fundación Arte y Mecenazgo ou a colección Patricia Phelps de Cisneros, de feiras como ARCOmadrid, xunto con galeristas e coleccionistas da sona de Pilar Citoler e José Blanco. A sesión de mañá, que se poderá seguir desde o web da institución,achegarase a situación actual do coleccionismo.

A xornada de mañá centrarase en coñecer a situación e perspectivas do coleccionismo en España, tanto desde o punto de vista institucional, como do coleccionimo público e privado. Destacan as conferencias de José María Luna, director de equipamentos museísticos e culturais de Málaga, cidade que conseguiu atraer grandes centros, como é o caso do Hermitage, o Museo Estatal Ruso, que abriu alí a súa primeira filial en España; e a de Evelio Acevedo, director xerente do Museo Thyssen e que ofrece un relatorio titulado “Coleccionismo. Por amor á arte?”. Abre esta sesión Mercedes Basso, directora xeral da Fundación Arte y Mecenazgo, entidade que naceu coa finalidade de estimular e divulgar o coleccionismo de arte en España e fomentar o mecenado cultural. As conferencias complétanse con debates en que participarán outros expertos como Alfonso de La Torre, conservador da colección Circa; Enrique Moral Sandoval, director da Fundación AENA; e Cristina Fontaneda, directora do Museo Patio Herreriano.

Segundo día: entre a paixón e o mercado
A segunda xornada dará voz a coleccionistas, galeristas e mediadores na estrutura do sistema artístico que permitirán comprender outro punto de vista sobre a realidade. Abre esta sesión Gabriel Pérez-Barreiro, director e comisario xefe dunha das coleccións máis destacadas de América Latina e un exemplo en canto a innovación, creatividade e educación na arte contemporánea, como é a colección Patricia Phelps de Cisneros. Canda el, estará Pilar Citoler unha das referencias do coleccionismo e unha apaixonada da arte contemporánea que configurou unha das coleccións (Circa XX) máis relevantes do conxunto estatal. As conferencias destas segunda sesión péchanse con Carlos Urroz, director de ARCOmadrid, a feira de arte contemporáneo máis relevante de España. Esta xornada complétase coas experiencias do coleccionista galego José Blanco, que ofrecerá un punto de vista persoal á hora de configurar unha colección desde Galicia, xunto coa xestora cultural Rosario Sarmiento e o galerista Guillermo de Osma, que falarán da profesionalidade e da dinamización nunha relación de mediación dentro do sistema.
Son varios os motivos que converten sitúan esta cita nun momento relevante para o coleccionismo: unha fiscalidade adversa, polas reducións orzamentarias e tamén pola falta dun marco xurídico que regule o mecenado.

A Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. Está coordinada por Marisa Sobrino e integrada por artistas, críticos e xornalistas como Natalia Poncela, Chus Martínez, Camilo Franco, Miguel Anxo Prado, Federico López Silvestre e Almudena Fernández Fariña. Entre as súas actividades destaca a plataforma web ATALAIA. Arte contemporánea en Galicia, que veu a luz en 2010 e que consiste nunha base de datos actualizada, un directorio e centro de recursos para coñecer os artistas, as obras, os eventos, as publicacións e as entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia. Proximamente presentarán Arte+mulleres. Creadoras galegas unha análise centrada na visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia, desde 1990 ata 2013.