NOTICIA

----

Iván Llamazares abre o ciclo dos populismos cun relatorio sobre a situación en Europa

Como xorden os novos populismos en Europa e cales son os seus argumentarios? Estas dúas preguntas centran a conferencia coa que o profesor da Universidade de Salamanca Iván Llamazares abre mañá mércores o ciclo “O populismo hoxe, Europa e América Latina”. Este programa, coordinado polo profesor Ramón Máiz, pretende achegar este termo político do que se fala tanto nos últimos tempos desde múltiples perspectivas. Son catro relatorios sobre o tema que se estenden ata 11 de novembro.

Iván Llamazares é un especialista en política comparada entre América Latina e Europa no eido dos movementos sociais e a acción colectiva. Entre as súas liñas de investigación recentes, destaca unha análise da Enquisa Social Europea (entre 2006 e 2008), que lle permitiu elaborar un mapa do euroescepticismo que conecta os partidos políticos e os seus votantes; así mesmo, corrobora que a conexión entre os partidos populistas e os seus votantes é máis forte naqueles partidos que adoptan posicións negativas extremas sobre a integración europea. Nesta ocasión preparou un relatorio titulado “Os novos populismos en Europa: núcleo discursivo, variantes ideolóxicas e factores de xurdimento”, co que abre este ciclo.

O programa
O ciclo sobre os populismos desenvolverase baixo o formato de conferencia seguida dun debate. As sesións continúan o vindeiro venres 6 de novembro co relatorio "Populismo, identidade e identificación", de Francisco Panizza, profesor de Políticas Latinoamericanas e Comparativas na London School of Economics and Political Science. A semana seguinte haberá unha dobre sesión: o martes, 10 de novembro, Carlos de la Torre (profesor de Socioloxía e director do International Studies, University of Kentucky -Lexington-), abordará o populismo radical, que sitúa entre as promesas de democratización e o autoritarismo; e, un día despois, José Álvarez Junco, catedrático emérito de Historia do Pensamento e dos Movementos Políticos e Sociais na Universidad Complutense de Madrid, focalizará o populismo en España.

Sección de Pensamento e Sociedade
Ramón Máiz é o coordinador da Sección de Pensamento e Sociedade. Desta sección depende O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s), un seminario interdisciplinar sobre os significados da cultura no tempo presente que está en marcha desde 2007. O ciclo trata os debates e investigacións máis recentes sobre as nocións e prácticas da Cultura en ámbitos tan diversos como a Filosofía, a Antropoloxía, a Arte, a xestión cultural, os estudos culturais, as políticas do multiculturalismo, etc. O ciclo contou xa con intervencións de pensadores como Slavoj Zizek, Félix Duque, Alberto Ruiz de Samaniego, Darío Villanueva, Héctor Díaz de Polanco, Josep Ramoneda, Ernesto Laclau, Fernando Castro Flórez, Anne-Marie Thiesse, José Luis Villacañas, Anne Phillips, José Manuel Sánchez Ron, Rafael Argullol, William Shea, Donatella della Porta, Bartolomé Clavero, Lisa Wedeen, Anthony Pagden, Jorge Riechmann, Victoria Camps, Patrizia Violi ou Carmen Pena.