NOTICIA

----

A filósofa Geneviève Fraisse fala da contradición da igualdade no ciclo O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s)

Igualdade, contradición, consentimento, historicidade… son algúns dos conceptos sobre os que afondará a filósofa Geneviève Fraisse nun relatorio titulado “Voir et savoir. La contradiction des égalités” e que pretende debater o concepto de igualdade. A cita terá lugar mañá, xoves 4 de xuño (17:00 horas), e insírese no ciclo O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s), seminario do Consello da Cultura Galega coordinado polo profesor Ramón Máiz.

Hoxe en día fálase moito da necesidade das políticas de igualdade como unha forma que teñen as administracións de corrixir situacións económicas, sociais, empresariais… que desfavorecen as mulleres. A filósofa Geneviève Fraisse defenderá mañá no Consello da Cultura Galega un relatorio en que cuestiona o concepto actual de igualdade. Na súa intervención defenderá a necesidade de revisar criticamente a idea de igualdade xa que este concepto está construído baseándose en estereotipos, representacións e prexuízos da heterosexualidade e dualidade dos dous sexos, que se perpetuaron no tempo e que non respectan nin a identidade individual nin colectiva dos suxeitos.
Fraisse recorrerá a exemplos históricos e revalorizará criticamente as teorías e prácticas feministas xa que serven para repensar as supostas políticas de igualdade.

Geneviève Fraisse
Filósofa, historiadora do pensamento feminista e directora de investigación en Filosofía no Centre National de la Recherche Scientifique, Geneviève Fraisse fundou con Jacques Rancière a revista Les Révoltes Logiques (1975). Ex-delegada interministerial dos Dereitos das Mulleres (1997-98), ex-deputada europea (1999-2004). No seu currículo tamén destaca ter sido produtora en France Culture de L’Europe des idées. Publicou numerosas obras sobre a controversia dos sexos desde un punto de vista epistemolóxico e político atendendo á xenealoxía da democracia, os conceptos de emancipación e a problematización filosófica do obxecto “sexo/xénero”. É autora, entre outras, de obras como Les excés du genre: concept, image, nudité (Nouvelles Éditions Lignes, 2014) ou La fabrique du féminisme, Textes et entretiens (Le passager clandestin, 2012).

O ciclo O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s)
O(s) Sentido(s) da(s) Cultura(s) é un seminario interdisciplinar sobre os significados da cultura no tempo presente que o Consello da Cultura Galega vén organizando dende 2007. Este seminario, coordinado polo profesor Ramón Máiz, ten como obxectivo abordar os debates e investigacións máis recentes sobre as plurais nocións e prácticas da Cultura en ámbitos tan diversos como a Filosofía, a Antropoloxía, a Arte, a xestión cultural, os estudos culturais, as políticas do multiculturalismo, etc. O ciclo contou xa con intervencións de pensadores como Slavoj Zizek, Félix Duque, Alberto Ruiz de Samaniego, Darío Villanueva, Héctor Díaz de Polanco, Josep Ramoneda, Ernesto Laclau, Fernando Castro Flórez, Anne-Marie Thiesse, José Luis Villacañas, Anne Phillips, José Manuel Sánchez Ron, Rafael Argullol, William Shea, Donatella della Porta, Bartolomé Clavero, Lisa Wedeen, Anthony Pagden, Jorge Riechmann, Victoria Camps, Patrizia Violi ou Carmen Pena.