NOTICIA

----

As xornadas sobre a dixitalización das institucións da memoria aluden á necesidade dun plan estratéxico da información

Acceder ao catastro, relacionar esa busca cos mapas históricos depositados nun arquivo ou cos recursos depositados nunha biblioteca e facelo sen saír da casa. Son algunhas das utilidades que ten a dixitalización da información que repousa en arquivos, bibliotecas, museos e na propia Administración. De todo isto falouse durante dous días nas xornadas “Converxencia dixital das institucións da memoria”, que se desenvolveron ata hoxe no Consello da Cultura Galega (CCG). Os responsables dos centros presentes na cita puxeron sobre a mesa a necesidade dun plan estratéxico da información que xunte os esforzos e iniciativas que “ata o de agora se fixeron de xeito illado e descoordinado”, segundo afirmou Gabriel Quiroga, membro do comité científico.

“A un usuario non lle interesa saber se a información está nun museo ou nun arquivo, a el impórtanlle os contidos e obter a máxima información posible da materia sobre a que busca” explica Gabriel Quiroga, membro do comité científico que organizou esta xornada, quen puxo o acento na necesidade da colaboración institucional nos procesos de dixitalización. Durante dous días, responsables de centros como o Museo do Prado, Arquivo Histórico Provincial de Huesca, Filmoteca de Cataluña, os museos en rede CERES e BIMUS… explicaron os procesos de dixitalización que están a acometer as súas institucións no que ten que ver coa selección, adquisición, tratamento, acceso e preservación do seu patrimonio para facelo accesible ao público. “Non é xa unha cuestión de elección, trátase dunha necesidade” incidiu Quiroga. “Ao usuario tradicional que asistía a un dos centros da memoria por unha cuestión persoal, como podía ser a consulta dun plano para acometer unha reforma na súa casa, ou por un problema de lindes; ao investigador profesional súmaselle agora un usuario dixital, curioso e ávido de información en materias moi concretas”.

Internet e a dixitalización: as vantaxes e desvantaxes
A dixitalización da información que repousa nas chamadas institucións da memoria ten aspectos positivos e aspectos negativos. Quiroga considera que “os usuarios gañan accesibilidade pero perden o contacto directo cos obxectos culturais, que o son por referencia a algo. Así, estes poden perder tamén o seu significado, moitas veces ligado a un conxunto, a un lugar, a unha institución; e os profesionais corren o risco de perder os sinais de identidade de cada profesión, ligados ás particularidades que presenta o tratamento de cada sector cultural”.

As xornadas estiveron enfocadas desde un punto de vista práctico, encamiñado a coñecer as experiencias que xa están en marcha e con todo tipo de casuísticas: desde centros que traballan con patrimonio cultural nacido dixital, centros xa existentes que teñen que dixitalizar o seu patrimonio, arquivos municipais ou estatais… Ademais, tamén houbo espazo para reflexións teóricas. Mariam Vieira da Cunha, da Universidade Federal de Santa Catarina en Brasil, falou das implicacións das mudanzas do mundo dixital no facer dos profesionais da información. Mentres que María Manuela Pinto, da Facultade de Letras da Universidade do Porto, que ofreceu un relatorio titulado “Da institución á preservación da memoria: a mudanza sobre un novo paradigma”, foi especialmente crítica ao indicar que “estamos a traballar coa concepción e as necesidades de hai 300 anos”.