NOTICIA

----

O papel do Instituto Cervantes na difusión das culturas peninsulares abre o seminario Estudos Galegos/Estudos Ibéricos

“Un dos grandes retos do Instituto Cervantes pasa por mellorar as súas relacións coas linguas de España”. Con estas palabras Víctor García de la Concha, responsable do Instituto Cervantes abriu a quenda de relatorios do seminario internacional Estudos galegos/estudos ibéricos. Alén das fronteiras que se desenvolve ata o venres no Consello da Cultura Galega. A inauguración desta cita correu cargo do Presidente da institución, Ramón Villares, quen destacou a importancia do debate acádemico e institucional de poñer sobre a mesa a difusión da lingua e da cultura galega nun momento actual. Canda el, o coordinador do seminario, Henrique Monteagudo, incidiu na inseparabilidade dos estudos galego no marco dos hispánicos pero tamén luso-brasileiros.
O papel do Instituto Cervantes na difusión das culturas peninsulares abre o seminario Estudos Galegos/Estudos Ibéricos

Henrique Monteagudo, coordinador deste seminario de carácter internacional que se desenvolve en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, destacou na inauguración o triple valor deste encontro. “Nesta cita abordaremos tres planos de reflexión: un primeiro encamiñado a ver como se sitúan os estudos de galego nun contexto nos que os estudos de humanidades están en mutación; un segundo que servirá para facer balance dos resultados das experiencias desenvolvidas ata agora; e un terceiro que nos permite coñecer experiencias de futuro”. Neste marco, o seminario tamén pretende poñer sobre a mesa as modalidades de promoción, difusión e articulación das linguas ibéricas (galego, portugués, catalán, vasco e español) nos ámbitos académicos internacionais.

A primeira sesión: O caso do español
O responsable do Instituto Cervantes, Víctor García de la Concha, foi o primeiro en centrar o debate. Fíxoo facendo fincapé nas dúas liñas de actuación que desenvolve a institución que dirixe e que conta con 90 centros en 44 países. Dunha banda, está a promoción e difusión do español fóra de España. Nesta liña apuntou que “o gran reto do español é consolidarse como lingua internacional de comunicación”. Da outra, incidiu na relación coas linguas de España na actividade dos seus centros. Neste sentido, apuntou que esta liña de actuación “non estaba na lei de creación do Instituto Cervantes e que se foi abrindo cunha práctica moi limitada”. Neste aspecto apuntou ás restricións orzamentarias (o centro pasou de 90 a 50 millóns de euros de orzamento en cinco anos) como principal condicionante desta liña, que busca de colaboradores e outras vías de financiamento para desenvolver este traballo.

Despois, Alejandro Alonso, do Brooklyn College, analizou os estudos galegos e a súa emerxencia nos novos paradigmas tomando como referencia a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, o mito político do nacionalismo por excelencia, e a Xoán González Millán, un profesor de literatura que dedicou os seus traballos, na última década do século pasado, a cuestionar os mitos fundadores da literatura galega e, por extensión, da cultura nacionalista. Pechou a sesión, Gabriel Rei Doval, da Universidade de Wisconsins-Milwaukee quen a través de videoconferencia explicou as repercusións da inclusión do galego na Modern Language Association, a maior corporación académica do mundo, en particular no ámbito das linguas, literaturas e culturas, que tivo lugar o pasado 13 de novembro. Rei Doval explicou que malia que desde hai un mes a lingua, literatura e cultura galegas forman parte xa da asociación con plenos dereitos, non será ata xaneiro de 2016, coa primeira edición do Congreso Anual da MLA, en que se vexa de xeito efectivo con dúas sesións específicas sobre estudos galegos.

Dous días para coñecer outros debates
É na sesión do xoves cando Alex Susanna, director do Instituto Ramón Llull, e María José Olaziregui, directora académica do Instituto Extepare expoñen o caso vasco. Pechará este repaso polas linguas peninsulares coa presenza de Mário Filipe, vicepresidente do Instituto Camões.

As tendencias dos estudos ibéricos e transatlánticos na universidade estadounidense ou a análise dos estudos galegos na beira do Mar Balticum entre 2001 e 2015 son outros dos temas que se abordarán nos vindeiros días.

Os estudos de galego no mundo
Na actualidade, segundo datos da Xunta, o galego é obxecto de estudo en trinta e sete universidades. Vinte e nove delas contan con lectores asentados en departamentos coñecidos como Centro de Estudos Galegos, que imparten materias de lingua galega adaptadas ás necesidades do alumnado de cada universidade (gramática histórica, cursos de conversa, cursos de lingua e civilización, etc.). Os programas académicos e formativos complétanse con numerosas actividades relacionadas coa lingua galega e, en xeral, coa cultura galega.

Outras noticias que che poden interesar