NOTICIA

----

Un seminario do Consello da Cultura reflexiona sobre o interese do galego no ámbito internacional

Coñecer cales son os atractivos e interese que pode ter o galego no panorama académico de fóra de Galicia. Este é o principal obxectivo do seminario internacional “Estudos Galegos/Estudos Ibéricos. Alén das fronteiras”, que se desenvolverá na sede do Consello da Cultura Galega entre os días 17 e 19 de decembro. A cita ten outro valor engadido, que é o de xuntar por primeira vez na mesma mesa os responsables dos institutos encargados da difusión da cultura e o idioma das diferentes linguas ibéricas, como son o Instituto Cervantes, Camões, Llull e Etxepare. O seminario conta con trinta prazas, nas que terán preferencia as persoas relacionadas coa proxección internacional da lingua e da cultura galegas.

A lingua e a cultura galegas estúdanse en numerosas Universidades de América, de Asia e de Europa. Kiev (Alemaña), Zadar (Croacia), Cork (Irlanda), Nova York (Estados Unidos), Bos Aires (Arxentina)… son algúns dos lugares en que ten presenza a través de departamentos universitarios coñecidos como Centro de Estudos Galegos. “Agora, nun momento en que os paradigmas de humanidades están a mudar, cómpre ver que atractivo e que interesen teñen os estudos galegos neste contexto” explica Henrique Monteagudo, coordinador desta cita que se desenvolve en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.

O programa
A cita comeza o xoves coa difusión das linguas española e portuguesa e remata analizando os estudos galegos na perspectiva feminista. No medio, Alejandro Alonso, do Brooklin College, analizará os estudos galegos e a súa emerxencia nos novos paradigmas; Gabriel Rei Doval, da Universidade de Wisconsins-Milwaukee, explicará as repercusións da inclusión do galego na Modern Language Association, ou Xosé Luís Regueira, da Universidade de Santiago de Compostela, exporá un balance da experiencia dos cursos de verán para persoas de fóra de Galicia.

As tendencias dos estudos ibéricos e transatlánticos na universidade estadounidense ou a análise dos estudos galegos na beira do Mar Balticum entre 2001 e 2015 son outros dos aspectos que abordará este seminario.

A cita ten tamén outro fito, xuntar por primeira vez en Galicia os responsables dos centros encargados da difusión da cultura e lingua do castelán, portugués, vasco e catalán. É dicir, Víctor García de la Concha, director do Instituto Cervantes; Ana Paula Laborinho, presidenta do Instituto Camões; Alex Susanna, director do Instituto Ramón Llull, e María José Olaziregui, directora académica do Instituto Extepare.

O seminario desenvolverase de xeito presencial con algunhas intervencións por videoconferencia, como son as de Gabriel Rei Doval ou Thomas Harrington, ambas as dúas desde os Estados Unidos.

Os estudos de galego no mundo
Na actualidade, segundo datos da Xunta, o galego é obxecto de estudo en trinta e sete universidades. Vinte e nove delas contan con lectores asentados en departamentos coñecidos como Centro de Estudos Galegos, que imparten materias de lingua galega adaptadas ás necesidades do alumnado de cada universidade (gramática histórica, cursos de conversa, cursos de lingua e civilización, etc.). Os programas académicos e formativos complétanse con numerosas actividades relacionadas coa lingua galega e, en xeral, coa cultura galega.