NOTICIA

----

O Consello da Cultura pon na rede a Hemeroteca Feminista Galega A Saia

A Saia, Andaina e Festa da Palabra Silenciada son algunhas das revistas publicadas nos oitenta que permiten coñecer a traxectoria dos feminismos e das feministas en Galicia. Estas tres publicacións son as que inauguran o proxecto “Hemeroteca Feminista Galega A Saia”. Unha iniciativa que xorde da colaboración do Consello da Cultura Galega, a través da Comisión de Igualdade, e o Centre Dona i Literatura da Universitat de Barcelona. Arredor desta presentación terá lugar a xornada “Xénero e Documentación III”, que se desenvolve nese mesmo serán no Consello da Cultura Galega. Ademais, unha pequena exposición na sede da institución permitirá ver os exemplares destas publicacións.

“As manifestacións a favor do aborto, a presenza das mulleres nos medios de comunicación, a alianza entre feminismo e pacificismo… son moitos os temas que se abordaron nestas publicacións e que serven, tanto para revisar a historia dos oitenta en Galicia como para ver que moitos dese debates teñen total vixencia”. Así explicou Helena González a relevancia da Hemeroteca Feminista Galega A Saia, un proxecto de edición dixital que pon na rede a colección completa de A Saia (1982-1983), a primeira época da revista Andaina e os oito primeiros números de Festa da Palabra Silenciada (1983-1991). Foi María Xosé Agra, coordinadora da Comisión de Igualdade quen situou a relevancia do traballo de documentación. “Era material que corría o risco de perderse porque algúns deles xa non se editan, pertencían a colectivos que xa non existen e cumpría poñelo a disposición de toda a cidadanía a través da rede” explicou.

O proxecto
A Hemeroteca Feminista Galega A Saia é un proxecto conxunto do Consello da Cultura Galega, a través da súa Comisión de Igualdade, e o Centre Dona i Literatura da Universitat de Barcelona que puxeron en marcha en 2012. Toma o nome da publicación A Saia, que é a primeira revista feita por un colectivo feminista independente en Galicia. O obxectivo último desta proposta pasar por poñer a disposición do público unha documentación de utilidade para todas as persoas interesadas nos feminismos e na historia recente de Galicia. Nestas publicacións pódense documentar con moito detalle os debates sobre o suxeito político do feminismo en Galicia, e as accións reivindicativas, ferramentas e estratexias de mulleres feministas.

O proxecto Hemeroteca Feminista Galega preséntase no marco dunha xornada que terá lugar esta tarde e que permitirá coñecer a cerna destes proxectos na boca das súas protagonistas.

A xornada Xénero e Documentación

Sabela Mouriz, activista feminista e profesora de ensino medio, foi promotora da revista A Saia. Boletín do Colectivo Feminista Independente Galego. Esta publicación tivo un papel fundamental no contexto galego ao ser a primeira revista feminista editada integramente en galego.

É a activista feminista e profesora de ensino medio Nanina Santos Castroviejo a que presentará a primeira xeira de Andaina. Conformada por 24 números e tres especiais, esta publicación deu conta da actividade dos diferentes grupos e colectivos que na década dos oitenta deron en conformar unha rede de relacións coñecida como Coordinadora Nacional de Organizacións Feministas.
Pecha a xornada a intervención de María Xosé Queizán, a que foi directora da revista Festa da Palabra Silenciada. Unha revista potenciada polas compoñentes de Feministas Independentes Galegas (FIGA) e que tiña como obxectivos promover o pensamento, a investigación, o debate e a crítica feminista nos ámbitos da teoría, das ciencias sociais, as artes e a política.

As xornadas Xénero e Documentación
Desde o ano 2007, a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega realiza periodicamente unhas xornadas baixo o título “Xénero e Documentación” co obxectivo de pór a disposición do público información arredor desta materia. Na primeira edición editouse unha publicación dixital en CD que fixo unha achega ao tratamento documental. En 2012, tivo lugar a segunda edición, que ampliou o seu foco de actuación ao resto de España para coñecer a documentación (recuperación, conservación, posta en valor e difusión) producida por organizacións de mulleres en agrupacións autónomas e mixtas identificadas co feminismo. Nesta cita presentouse a colección especial “Recuperación da documentación e memoria do movemento feminista organizado en Galicia” do Consello da Cultura Galega.

Accede á Hemeroteca Feminista Galega A Saia